A Semana Máxica de Poio volve en agosto con xogos, excursións e acampada para a mocidade

27/06/2025

O prazo de inscrición abre este martes, 1 de xullo, na Sede Electrónica ou presencialmente no rexistro xeral do concello. A actividade é gratuíta e está dirixida a nenos e nenas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO.

O Concello de Poio pon en marcha unha nova edición das súas Semanas Máxicas, unha iniciativa lúdica e educativa que ofrece á rapazada a oportunidade de participar nun campamento con aloxamento, xogos, obradoiros, excursións e veladas nocturnas, todo nun ambiente de convivencia e diversión.

A actividade, de carácter gratuíto e subvencionada integramente polo Concello, está pensada para rapaces e rapazas que cursen 5º e 6º de Primaria ou 1º e 2º da ESO, e desenvolverase en dúas quendas de 25 prazas cada unha na escola de Tarrío, en Samieira. A primeira quenda, para alumnado de primaria, terá lugar do 4 ao 6 de agosto; a segunda, dirixida á mocidade de secundaria, será do 6 ao 8 de agosto.

As persoas participantes contarán con aloxamento en pensión completa, así como con todas as comodidades e materiais necesarios para gozar de actividades como sendeirismo, expresión artística, xogos de grupo e obradoiros creativos.

O prazo para inscribirse abre este martes, 1 de xullo, a través da Sede Electrónica do Concello de Poio ou de xeito presencial no rexistro xeral da Casa do Concello. Xunto co formulario de inscrición deberán presentar copia do dni da persoa participante, e calquera outra documentación relevante sobre datos médicos ou situacións familiares que sexa preciso coñecer para garantir o bo desenvolvemento da actividade. A lista de admitidos e de reserva publicarase o xoves 17 de xullo.

A concelleira de Mocidade, Tamara González, que presentou esta iniciativa xunto co edil de Deportes, Tucho Muíños, salienta que “o verán é tempo de facer amizades, de compartir e de vivir experiencias únicas”. Por iso, sinala que a Semana Máxica é unha proposta máis das que ofrece o Concello de Poio para que a rapazada disfrute “dun verán inesquecible”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio