A actividade é gratuíta e está dirixida a nenos e nenas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO. Últimos días para anotarse na Excursión Familiar a Amarante, o domingo 5 de xullo.
O Concello de Poio pon en marcha unha nova edición das súas Semanas Máxicas, unha iniciativa lúdica e educativa que ofrece á rapazada a oportunidade de participar nun campamento con aloxamento, xogos, obradoiros, excursións e veladas nocturnas, todo nun ambiente de convivencia e diversión. Este ano, ademais, como novidade, incluirá un bautismo hípico para toda a mocidade que participen, en calquera das dúas quendas dispoñibles.
A actividade, de carácter gratuíto e subvencionada integramente polo Concello, está pensada para rapaces e rapazas que cursen 5º e 6º de Primaria ou 1º e 2º da ESO, e desenvolverase en dúas quendas de 25 prazas cada unha na escola de Tarrío, en Samieira. A primeira quenda, para o alumnado de secundaria, terá lugar do 17 ao 19 de agosto; a segunda, dirixida a último ciclo de primaria, será do 19 ao 21 de agosto.
As persoas participantes contarán con aloxamento en pensión completa, así como con todas as comodidades e materiais necesarios para gozar de actividades como sendeirismo, expresión artística, xogos de grupo e obradoiros creativos.
O prazo para inscribirse abrirá o 15 de xullo a través da Sede Electrónica do Concello de Poio ou de xeito presencial no rexistro xeral da Casa do Concello. Xunto co formulario de inscrición deberán presentar copia do dni da persoa participante, e calquera outra documentación relevante sobre datos médicos ou situacións familiares que sexa preciso coñecer para garantir o bo desenvolvemento da actividade. A lista de admitidos e de reserva publicarase o 5 de agosto.
A concelleira de Mocidade, Tamara González, salienta que “o verán é tempo de facer amizades, de compartir e de vivir experiencias únicas”. Por iso, sinala que a Semana Máxica é unha proposta máis das que ofrece o Concello de Poio para que a rapazada disfrute “dun verán inesquecible”.
ÚLTIMOS DÍAS PARA ANOTARSE Á EXCURSIÓN EN FAMILIA A AMARANTE
O Concello de Poio mantén aberto o prazo de inscrición para participar na Excursión en familia ao parque acuático de Amarante (Portugal), que terá lugar o vindeiro domingo 5 de xullo.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación familiar que o Goberno local desenvolve ao longo de todo o ano, co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio saudable, fomentar a participación cidadá e crear espazos de encontro e relación entre os veciños e veciñas do municipio.
A excursión ten un prezo de 25 euros por persoa, importe que inclúe tanto o transporte como a entrada ao parque acuático. Os menores de idade deberán asistir acompañados por unha persoa adulta que se responsabilice deles durante toda a actividade.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o venres, día 19. As inscricións deberán realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Poio ou no rexistro municipal.