A praia de Siorto, en Raxó, recupera a bandeira azul despois de sete anos

08/05/2024

Para Ángel Moldes “é unha boa noticia para Poio e para Raxó, recuperar esta bandeira despois de sete anos era un dos nosos obxectivos e dos veciños desta parroquia”.

Poio recupera a bandeira azul para a praia de Siorto, que non ondea desde o ano 2017, e suma deste xeito dous areais con este distintivo de calidade. O alcalde Ángel Moldes sinala que “é unha boa noticia para Poio e para Raxó, recuperar esta bandeira despois de sete anos era un dos nosos obxectivos e dos veciños desta parroquia, e por iso estamos moi felices. Este Goberno apostou por volver a presentar candidatura para esta praia e hoxe o resultado non pode ser máis satisfactorio”.

Así, destaca que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) recoñeceu a calidade deste areal que cada verán reúne a moitos veciños e visitantes. Ademais da praia de Siorto, en Raxó, tamén se mantén o distintivo de bandeira azul para o areal da Cabeceira, en Lourido (San Salvador).

Estes dous distintivos para as praias súmase ás catro bandeiras azuis que o Concello de Poio conseguiu para os sendeiros, duplicando o número de sendas que había con respecto ao ano pasado. Así, este ano conseguiu o galardón para as rutas do Laño e dos Muíños de Samieira e renovou as distincións para o litoral de Poio e a Variante Espiritual do Camiño Portugués.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio