A MESA DA SANIDADE ACORDA SUMARSE ÁS REIVINDICACIÓN EN FAVOR DA MELLORA DA SAÚDE MENTAL PARA AS CRIANZAS E ADOLESCENTES

12/01/2024

2023.

A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio celebrou este pasado xoves unha nova convocatoria, na que entre os puntos a tratar figurou a adhesión á declaración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en apoio ao acordo pola mellora da saúde mental infanto-xuvenil de Galicia. Ademais, a presidenta deste órgano municipal, a nacionalista Marga Caldas, tamén dou conta aos e ás representantes dos colectivos que forman parte da devandita Mesa da xuntanza mantida hai unhas semanas co conselleiro de Sanidade para falar da construción do futuro Centro de Saúde, unha vez que a Administración local xa adquiriu os terreos para acoller este equipamento de gran relevancia.

A maiores, Caldas tamén informou sobre os trámites relacionados con este proxecto chave para o futuro do municipio.A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio acordou presentar no vindeiro Pleno unha moción para reivindicar a necesidade de que se tomen medidas en favor da saúde mental, recoñecendo a necesidade de traballar desde as institucións na mellora do sistema de coidados neste eido, especialmente na infancia e na adolescencia, de xeito que se aborden problemas estruturais como o déficit de profesionais, a falta de programas preventivos, a distribución desigual dos servizos no territorio ou as dificultades de coordinación das unidades especializadas cos servizos locais de proximidade, entre os que se atopan os Centros de Atención Primaria, centros educativos e puntos de atención social dos concellos.

Neste sentido, outro acordo acadado na convocatoria deste xoves foi o de apoiar ás familias do municipio con persoas afectadas por parálise cerebral. Tanto os membros dos grupos da Corporación como os representantes do tecido asociativo da Mesa coinciden na necesidade de que a Consellería de Sanidade facilite axudas para a obtención de cadeiras mecánicas para persoas que padecen este tipo de doenzas, a fin de que tanto eles como os seus achegados e achegadas poidan evitar “un maior desgaste físico e psicolóxico, mellorando a súa calidade de vida”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio