A deseñadora de scrapbooking, Johanna Rivero, reúne a persoas de todo o país nun curso organizado por Detalles Orballo coa colaboración do Concello

09/04/2024

A Casa Rosada acolle hoxe durante todo o día un taller impartido por Yohanna Rivero, unha referente no scrapbooking a nivel mundial. O taller, organizado polo comercio local Detalles Orballo e que conta coa colaboración do Concello de Poio, reúne a preto de setenta persoas que chegan de todo o país para aprender distintas técnicas do scrapbooking, desde a selección de materiais ata a creación de deseños únicos e personalizados, da man dunha das persoas máis recoñecidas e seguidas en todo o mundo.

Con preto de 204.000 seguidores en Youtube, 52.000 en Facebook e case 95.000 en Instagram, os talleres de Rivero arrastran moita participación. De feito, todas as prazas están completas. Unha oportunidade para que as participantes aprendan dunha figura de recoñecido prestixio nesta rama creativa, e unha oportunidade tamén para Poio, que segundo indicou o alcalde, Ángel Moldes, que deu a benvida ás participantes, “para o Goberno local é fundamental apoiar aos nosos autónomos e as súas iniciativas, máis aínda como neste caso, no que contribúen a dinamizar a nosa economía e atraen ata o noso concello persoas que van coñecer, descubrir e vivir Poio durante uns días”.

O Scrapbooking é unha técnica de papelería creativa a través da cal se plasman recordos, emocións ou acontecementos importantes. Utilízanse fotografías e se decoran coa axuda de papeis estampados, cintas, washi tape, selos e todo tipo de adornos . A tradución literal é libro de recortes, aínda que tamén pode tomar a forma dun álbum, unha tarxeta ou unha lámina.

Hoxe, na Casa Rosada, sairán as mellores creacións, todas elas persoais e únicas para cada participante, e sempre baixo a mirada e as recomendacións dunha gran referente mundial do scrapbooking, Johanna Rivero.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio