Ademais do parón institucional e lectura do manifesto, a programación céntrase en obradoiros, talleres e actividades para a rapazada, así como a andaina Camiño Violeta e proxección de documentais. Entenden que é imprescindible traballar de xeito conxunto coa comunidade educativa para evitar a violencia sexual: “A prevención é fundamental”.
“Quén é agresor? Que a vergoña cambie de lado” é a nova campaña do Concello de Poio para conmemorar o Día para a eliminación das violencias contra as mulleres, o 25 de novembro. O alcalde, Ángel Moldes, a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e a psicóloga do CIM, Lidia Fazanes, presentaron esta mañá a programación que se estende ao longo dos próximos tres meses e que incide, de xeito directo, na prevención a través das xeracións máis novas. Así, ademais do parón institucional e lectura do manifesto, a programación inclúe obradoiros, talleres e actividades para a rapazada, así como a andaina Camiño Violeta e proxección de documentais.
“É unha pregunta directa, que non pon o foco nas vítimas, pon o foco nos agresores, porque son os únicos responsables de calquera tipo de violencia sexual e machista contra as mulleres”, subliñou Moldes que, explicou, que para o lema da campaña tomaron como inspiración a afirmación de Gisele Pelicot, “unha vítima de violencia sexual que é un exemplo de forza, de coraxe e de valentía”.
Neste senso, lamentou que “durante anos a violencia machista e sexual foi invisible. As vítimas adoitan sentir culpabilidade, vergonza ou incluso dúbidas sobre a gravidade do ocorrido. Con medo a sentirse xulgadas, a ser rexeitadas. Isto debe mudar, a vergonza e a culpabilidade deben cambiar de lado”.
Sobre isto tamén incidiu Natividad Torres, que engadiu que “a referencia ao xogo popular Quen é quen?, ao que lle incorporamos de maneira manual e descoidada distintas fotografías de homes de aspectos e idades moi diferentes vai permitir entender de xeito inmediato o seu sentido: a realidade é tan terrible que descubrimos que calquera pode ser un agresor”.
Esta campaña vai da man dos centros de ensino, “para dirixirnos á xente moza, usando a súa linguaxe, os seus recursos e incidindo nunha problemática que seguimos sen solucionar. Polo tanto, unha campaña real”, sinalou o alcalde. “É imprescindible traballar de xeito conxunto para evitar a violencia sexual. Traballar na prevención é fundamental”, engadiu, ao tempo que agradeceu e recoñeceu o traballo que realiza o Centro de Información á Muller de Poio durante todo o ano.
Precisamente, a psicóloga do CIM, Lidia Fazanes, recoñeceu estar “avergoñada” por todos os casos de agresións sexuais que están saíndo á luz, tanto de persoas anónimas como doutras moitas recoñecidas. “Necesitamos que as mulleres deixen de vivir con esa vergoña que non lles corresponde”.
PROGRAMACIÓN COMPLETA 25N
- 11 e 13 de novembro: Arranca a campaña con Charlas informativas para as asociacións de mulleres que conforman o Consello Municipal da Muller sobre o eixo central da campaña que son as Agresións Sexuais. Tódalas asociacións do Consello terán a oportunidade de formarse con expertas na materia sobre a implicación social na prevención de agresións sexuais. Repartiranse de forma equitativa nos dous días indicados para levalas a cabo. Estas charlas contarán coa presencia de Ideas Atópicas para a elaboración do vídeo documental que se proxectará o día do acto central, despois da andaina violeta, o 24/11/2024. As participantes destas charlas colaborarán na gravación do vídeo documental.
- 13 de novembro: dende o IES de Poio, convócase a alumnado e profesorado elixido para dar forma a esa gravación do vídeo documental, acción que levará a cabo Ideas Atópicas e que será visualizado no acto central da campaña, despois da andaina violenta, o 24/11/2024.
- 22 de novembro: Charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual no IES de Poio. Charla a cargo de persoal especializado, dirixido ao alumnado de 1º de bacharelato, para reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións, para identificar as tipoloxías de violencia sexual, evitar ditas agresións e incidir nunha educación afectivo sexual alternativa á pornografía. Esta actuación ten carácter gratuíto por ser unha das accións ofrecidas dende a Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.
- 22 de novembro: Cinefórum “En Deuda con Todas”. A loita pola despenalización do aborto no Salvador. O dereito a decidir sobre os nosos corpos. Cuestión de xustiza. Visualización do documental seguido dun espazo de reflexión para dar visibilidade a outras realidades como a do Salvador despois de que a partir do 1998 sexa imposible interromper o embarazo de forma legal e segura en ningún dos supostos, incluído cando está en perigo a súa vida ou a súa saúde ou cando hai malformacións xenéticas graves que fan inviable a vida fora do útero.
- 24 de novembro: “ANDAINA VIOLENTA”: Acto central da campaña que vai dirixido á poboación en xeral e que terá como pretexto visibilizar a violencia de xénero en xeral e a sexual en particular. Sairá ás 10.00 horas do Porto de Covelo e transcorrerá polo paseo do Laño ata Raxó. Alí visibilizarase o vídeo gravado anteriormente nos distintos talleres, como mostra do traballo realizado a carón do lema que vertebra a campaña do 25N.
- 25 de novembro: Charla formativa “Level Up: Desbloqueando a Igualdade”. Obradoiro consistente en concienciar sobre as Violencias Machistas para favorecer a prevención e a erradicación das mesmas en poboación adolescente e xuvenil. O obradoiro será impartido por CAVAS GALICIA (CENTRO DE ATENCIÓN A VÍTIMAS DE AGRESIÓNS SEXUAIS) na súa modalidade de prevención para todos os grupos de 1º da ESO subdivididos por clases (tres charlas en total).
- 25 de novembro: “PARÓN INSTITUCIONAL”: O luns 25 de novembro, ás 12:00 horas, diante do concello de Poio terá lugar o parón institucional e lectura do manifesto, expresando o compromiso de que Poio sexa un municipio libre de violencia de xénero.
- 11 de decembro: Charla informativa sobre “Os Puntos Lila”. Consistente en obradoiros dirixidos a tres grupos conformados polo alumnado de 4º da ESO para informar sobre o uso destes espazos habilitados para crear unha seguridade ao redor do constructo que implica ser muller ou pertencer a colectivos englobados nas siglas LGTBI… como prevención da violencia de xénero en xeral e sexual en particular dentro dos contextos de ocio. Os obradoiros serán impartido pola consultora Imaxina.
- 22 de xaneiro: “Consentimento cunha taza de…”: Charla teatralizada dirixida ao alumnado de sexto de primaria dos cinco colexios do municipio. Está realizada por un actor e unha actriz, onde se vivirán diferentes esceas nas que o mozo invita a diferentes chicas a tomar algo a súa casa con diferentes resultados, mostrando a persuasión, insistencia, chantaxe… e as diferentes reaccións delas a estas situacións e as súas emocións… En cada unha das esceas se lles pedirá opinión acerca do que están a ver para entablar un debate. Os obradoiros serán impartido pola consultora Imaxina.