Durante o ano pasado, ofreceu máis de 720 horas de formación gratuíta e acceso libre ao equipamento e conexión a internet.
A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de xaneiro sete cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa, e que van desde informática e internet nivel de iniciación, follas de cálculo niveis iniciación e medio, enderezo electrónico, videoconferencias ou deseño de carteis. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.
Con respecto ao curso de iniciación á informática, desenvolverase do luns 13 ao venres 17, de 16.30 a 18.00 horas e o alumando adquirirá os coñecementos básicos para manexar o ordenador, desde acender e apagar o equipo, ata o uso do rato, familiarización co entorno gráfico e uso de arquivos e carpetas.
A próxima semana tamén se impartirá o curso de iniciación ás Follas de Cálculo con LibreOffice Calc, de 18.00 a 19.30 horas. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo de oficina. Ademais, tamén está programado un curso de follas de cálculo nivel medio para a semana do 20 ao 24 de xaneiro, tamén en horario de 18.00 a 19.30 horas.
“Iniciación a Internet” impartirase tamén do luns 20 ao venres 24 de xaneiro, neste caso entre as 16.30 e as 18.00 horas. Ao finalizar o curso, o usuario poderá utilizar aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede, desde realizar procuras sinxelas nun buscador ou seguir as ligazóns para navegar polas páxinas web, entre outros.
A última semana de xaneiro, entre o 27 e o 30, celebrarase o curso “Iniciación ao Correo Electrónico Web”, unha ferramenta indispensable para comunicarse e enviar arquivos e información de todo tipo. Será de 16.30 a 18.00 horas.
“Deseño de carteis e folletos” organizarase do 27 ao 4 de febreiro, excepto o venres 31, entre as 18.00 e as 19.30 horas. As persoas participantes aprenderán a utilizar canva e outros programas similares que permiten crear online deseños de cartelería, tarxetas ou outros deseños artísticos.
Por último, “Videoconferencias Online” impartirase o venres 31, de 16.30 a 18.00 horas. Tanto as redes sociais como outros servizos, correo electrónico, mensaxería instantánea… evolucionan ofrecendo outros servizos qeu permitan unha maior comunicación entre os usuarios, como por exemplo a videoconferencia.
A maiores destes cursos, tamén se reserva unha sesión para realizar a proba de aproveitamento dos cursos online EMA, que será o venres 31m de 18.00 a 19.30 horas e que permitirá obter o diploma dos cursos realizados na plataforma de teleformación da Aula Cemit.
MÁIS DE 720 HORAS DE FORMACIÓN EN 2024
A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, apunta que a Aula Cemit de Poio ofreceu ao longo de 2024 máis de 720 horas de formación gratuíta e acceso libre ao equipamento e conexión a internet. En total foron 80 cursos os que se impartiron “para fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para utilizar servizos dixitais cada vez máis avanzados”, subliña.
CURSOS DE CAPACITACIÓN DIXITAL NA REIBOA
Ademais da Aula Cemit, o Concello de Poio tamén comeza a próxima semana na Aula da Reiboa os novos cursos de capacitación dixital dirixido a persoas en situación de desemprego. Unha clara aposta do Concello de Poio por seguir ofrecendo formación útil, práctica e que permita reducir a fenda dixital da poboación de Poio.
En total son dúas formacións gratuítas, de 200 horas cada unha, e que se desenvolverán entre xaneiro e abril. Permitirá ao alumnado seguir avanzando en coñecementos informáticos para mellorar a súa empregabilidade, favorecer a busca de emprego e, incluso, facilitar as súas xestións a través da rede. Nesta ocasión, os cursos ofrecerán ensinanzas en nivel intermedio, para deste xeito dar continuidade ás aprendizaxes de iniciación que se organizaron ao longo deste ano no concello.
O curso dividirase en cinco unidades formativas de 40 horas cada un delas: busca e xestión de información dixital, resolución de problemas coa entorna dixital, creación de contido dixital e programación, seguridade e civismo na contorna dixital e comunicación e colaboración coa ferramenta dixital. Ademais, tamén se incluirán módulos de formación para a igualdade e de orientación laboral. O alumnado que supere todo o itinerario recibirá como agasallo un equipo informático que lles facilitará seguir practicando todo o aprendido nos seus fogares.
A formación é gratuíta e as persoas interesadas en participar ou recibir máis información poden facelo no enderezo electrónico dixigal@bigformacion.com, no teléfono 654 825 395 ou no servizo de Orientación Laboral do Concello de Poio.