Ademais, na Aula da Reiboa o Concello de Poio ten programados tamén para o último trimestre do ano varios cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais.
26, agosto, 24.- A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Aula CeMIT, do Concello de Poio retoma a súa actividade en setembro. Ao longo deste mes ofertará un total de cinco cursos de formación gratuítos, que inclúen desde iniciación á informática, ata exercitación da memoria, iniciación a internet e ao enderezo electrónico e unha formación específica para obter o diploma de aproveitamento do curso EMA de Competencias Dixitais. Ademais, de luns a venres calquera usuario que o desexe tamén poderá facer uso do equipamento e da conexión a internet da aula de 9.00 a 10.30 horas e de 12.00 a 14.00 horas, e o sábado entre as 9.00 e as 14.00 horas, sempre con cita previa.
O curso de Iniciación á informática ensinará ao alumnado os conceptos básicos, desde acender e apagar correctamente o computador e o manexo do rato, ata familiarizarse co entorno gráfico e o uso dos arquivos e das carpetas. Desenvolverase do martes 3 ao venres 6, de 10.30 a 12.00 horas.
Os luns 2, 9 e 16, o mércores 25 e o xoves 26 de setembro organízase un curso de Memoria, no que exercitar e estimular a mente, a vista e a motricidade fina mediante puzzles e debuxos. Desenvolverase de 10.30 a 12.00 horas.
Iniciación a internet impartirase do 10 ao 13 de setembro, no mesmo horario que os anteriores, e os participantes utilizarán navegadores libres e gratuítos para coñecer o mundo do hipertexto das páxinas web e aprender a utilizar aplicacións e ferramentas máis comúns.
Unha semana despois, do 17 ao 20 de setembro, a aula Cemit organiza o curso Iniciación ao correo electrónico web, no que se explicará como crear unha conta de correo electrónico, o seu funcionamento, ver os correos recibidos, respondelos ou enviar un novo, así como engadir e xestionar os contactos da axenda.
Por último, o venres 27 realizarase a proba para a obtención do diploma de aproveitamento do curso EMA de Competencias Dixitais (COMDIX).
Todos os cursos da Aula Cemit, situada en Combarro, son gratuítos e presenciais. As inscricións pódense facer a través da páxina web cemit.xunta.gal ou no enderezo electrónico cemit.poio@xunta.gal. Para facelo de xeito presencial, na propia aula, as anotacións realizaranse a partir de setembro.
CURSOS DE ALFABETIZACIÓN E COMPETENCIAS DIXITAIS TRANSVERSAIS
Ademais dos cursos da Aula Cemit, o Concello de Poio ten programados tamén para o último trimestre do ano varios cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais, que buscan facilitar ao alumnado os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.
Cada curso ten 32 horas de duración e impártese na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa nas seguintes datas: do 23 de setembro ao 2 de outubro; do 14 ao 23 de outubro; do 4 ao 13 de novembro; e o último curso será do 18 ao 27 de novembro.
As persoas interesadas pódense inscribir en calquera dos cursos que quedan por celebrarase nun formulario que atoparán na páxina web poiodixitaliza.es ou solicitar información no teléfono 604 039 575.
Entre os contidos inclúense módulos de tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), información e alfabetización dixital (6 horas), comunicación e colaboración online (6 horas), creación de contidos dixitais (6 horas), seguridade na rede (6 horas) e resolución de problemas (6 horas).