A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, organiza para o mes de febreiro sete cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia Cemit.
En total, a aula de novas tecnoloxías ofrecerá durante o mes de febreiro 70 horas de formación, divididas en oito cursos que engloban desde iniciación ao procesador de textos, ata edición de imaxes, manexo do móbil, folla de cáculo ou creación de páxinas web e blogues.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.
CALENDARIO E HORARIOS
O curso de iniciación ao procesador de texto libreoffice writer impártese entre o 5 e 9 de febreiro, en horario de 16.00 a 17.30 horas, e ofreceranse as ferramentas para crear e modificar un documento de texto, darlle un formato básico, gardalo e imprimilo.
Esa mesma semana, desenvolverase tamén a actividade Edición de imaxes con Gimp, de 17.30 a 19.30 horas. Con este curso, o alumnado iniciarase no uso desta ferramenta, unha das máis empregadas e recoñecidas no eido do software libre.
Entre o luns 12 e o venres 16 impartirase o curso de procesador de textos nivel intermedio, para ampliar os coñecementos na edición de documentos, con formatos máis avanzados, táboas e outras ferramentas. Este curso desenvolverase entre as 16.00 e as 17.30 horas.
Manexando o meu móbil impartirase esa mesma semana, de 17.30 a 19.30 horas, e explicarase aos participantes as posibilidades de uso das aplicacións nos teléfonos intelixentes, como por exemplo, acceso a internet, redes sociais ou mesmo compartir imaxes con outras persoas.
Entre o luns 19 e o venres 23 están programados os cursos iniciación ás follas de cálculo e creación de páxinas web. A primeira das propostas desenvolverase entre as 16.00 e as 17.30 horas, e o alumnado aprenderá a aplicar fórmulas de cálculo sinxelas, modificar unha folla de cálculo ou crear documentos con varias follas. En canto ao curso Iniciación á creación de páxinas web, impartirase de 17.30 a 19.30 horas. Neste curso veranse diferentes plataformas para a creación de páxinas web sinxelas e de xeito gratuíto.
Na semana do 26 de febreiro ao venres 1 de marzo impartirase o nivel medio de folla de cálculo, no que os usuarios coñecerán máis funcións de cálculo, aplicar formatos condicionados ou inserir gráficas, entre outras ferramentas. O horario deste curso será de 16.00 a 17.30 horas.
Nos mesmos días desenvolverase Crea o teu blogue, de 17.30 a 19.30 horas. O alumnado verá como crear e manter o seu propio blogue, unha das varias formas de comunicación na internet, elaborando, subindo e mantendo actualizado o seu contido.