A Aula CeMIT de Poio ofrece en xullo unha completa programación gratuíta centrada na robótica, a impresión 3D e as novas tecnoloxías

25/06/2026

As inscricións xa están abertas na propia Aula Cemit ou en cemit.poio@xunta.gal

A Aula CeMIT do Concello de Poio presenta a súa programación para o mes de xullo, cunha ampla oferta de cursos e obradoiros gratuítos dirixidos a achegar á cidadanía as novas tecnoloxías e fomentar a capacitación dixital.

A programación inclúe propostas para diferentes niveis de coñecemento, combinando formación teórica e práctica en ámbitos como a realidade virtual, a robótica, a impresión 3D ou o reforzo de competencias informáticas. Ademais, manterá o seu servizo de Aula Aberta, un espazo de acceso libre con cita previa para que as persoas usuarias poidan empregar os equipos informáticos e a conexión a internet, así como para facilitar o uso das instalacións por parte das asociacións e colectivos do municipio.

Entre as actividades programadas destaca o curso de Manexo das Gafas Virtuais 3D, no que as persoas participantes descubrirán o funcionamento desta tecnoloxía e as posibilidades que ofrece a realidade virtual para acceder a contornos inmersivos e experiencias innovadoras.

Durante a primeira quincena do mes celebrarase tamén o curso de Introdución á Robótica, no que se achegarán os fundamentos das plataformas libres Arduino e Raspberry Pi mediante a realización de diferentes exercicios prácticos que permitirán coñecer as súas múltiples aplicacións.

Os venres de xullo, agás o día 31, desenvolverase a actividade de Reforzo Informática, orientada a consolidar os coñecementos adquiridos nos cursos de iniciación á informática.

A segunda metade do mes estará dedicada á Iniciación á Impresión 3D, unha formación que permitirá coñecer o funcionamento das impresoras 3D, a súa evolución, os materiais empregados e as posibilidades que esta tecnoloxía ofrece tanto no ámbito educativo como no persoal e profesional.

Como peche da programación, a Aula CeMIT organizará o obradoiro Argallando entre Tod@s, unha actividade práctica na que as persoas participantes aplicarán os coñecementos adquiridos en robótica e impresión 3D para desenvolver un proxecto conxunto. Esta iniciativa contará coa colaboración da Asociación Ensinamos para a impresión de modelos 3D e a construción dun modelo robótico.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio