A artista local Mai Ferreira expón os seus collages “Mulleres (in)visibles” no Casal de Ferreirós

14/03/2025

A artista local Mai Ferreira expón os seus collages na exposición “Mulleres (in)visibles”, dentro da programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o Día Internacional da Muller. A inauguración da mostra será este venres, 14 de marzo, ás 19.00 horas no Casal de Ferreirós, onde se poderá visitar a súa obra ata finais de mes.

Mai Ferreira, veciña de Poio e residente en Alemania desde hai dúas décadas, amosa dezasete obras realizadas a través da técnica de collage dixital, protagonizadas por dezaseis mulleres e as súas historias de vida, para dárlles voz e facelas visibles. “Busquei dentro das mulleres que formaron parte da miña familia. Mulleres espectaculares, que dentro dos seus pequenos mundos, loitaron valentes para sacar adiante as súas familias, os seus negocios… renunciando moitas veces aos seus soños e á súa vida propia”, explica a artista, que nesta mostra combina a historia destas mulleres “que viven na memoria das persoas que as coñecemos” con aquelas outras que hoxe, despois de moitos anos, comezan a ser recoñecidas nos seus campos respectivos: Solita e Teresa Blanco Lamas, Mary Ortiz, Chien Shiung Wu, Emmy Noether, Rosa Peña, María Winkelmann, Julia Fons, María Pavía, Mónica Milward, Maruja Blanco Lamas, Tamara de Lempika, Lela Blanco Lamas, Milena Maric, Aurita Blanco Lamas e Carmen Iglesias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio