Poio ultima a aprobación do Plan Especial do Porto deportivo de Combarro, 15 anos despois da súa inauguración

17/06/2024

O Plan permitirá ordenar e dar seguridade xurídica ás edificacións e actividades portuarias, así como regular os distintos usos das instalacións, e incluirá a reserva a favor do Concello dun espazo de 257 m² .

O Concello de Poio ultima a tramitación do Plan Especial de ordenación do Porto deportivo de Combarro que permitirá ordenar e dar seguridade xurídica ás instalacións portuarias, 15 anos despois da súa inauguración.

Confirmouno a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, que someterá o documento a ditame na Comisión de Urbanismo do martes para previsiblemente levalo ao Pleno este mesmo mes para a súa aprobación inicial, tralo que se abrirá un período de exposición pública.

A versión definitiva do Plan especial foi remitida ao Concello por Portos de Galicia o pasado mes de marzo, despois de actualizar o borrador de xuño de 2016 á normativa urbanística e á Lei do Solo de Galicia. Unha vez aprobado, o documento servirá para regular as actividades existentes e futuras, os aparcamentos ou as zonas comúns nos máis de 45.000 m² que comprende a zona portuaria.

Ademais, o plan inclúe a reserva dun espazo de 257 m² a favor do Concello. Este novo local municipal terá un uso “acorde cun emprazamento onde se dan a man o pasado e o futuro mariñeiros de Combarro”, explicou Cochón, que destacou que para determinar o proxecto definitivo “se contará, en primeiro lugar, coa opinión dos veciños e colectivos da parroquia”.

A responsable de Urbanismo celebrou “poder poñer fin a moitos anos de provisionalidade” e subliñou a importancia de dar seguridade xurídica “a unha instalación neurálxica para a economía, o turismo e a relación de Combarro co mar”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio