Iria Tilve, Nicolás Braña e o equipo sénior feminino do Poio Pescamar, premios San Xoán 2024 ao deporte

12/06/2024

Tamén hai mencións especiais para deportistas locais en categoría feminina, masculina e equipos pola súa traxectoria e logros esta tempada. Os premios e recoñecementos entregaranse o sábado 22 de xuño, coincidindo coa lectura do pregón das festas do San Xoán.

    O Consello Municipal de Deportes decidiu recoñecer este ano a traxectoria e os éxitos da piragüista Iria Tilve, na categoría feminina, do piragüista Nicolás Braña, na categoría masculina, e do equipo sénior feminino do club de fútbol sala Poio Pescamar, nos premios San Xoán 2024 ao deporte.

    No primeiro caso, os integrantes do consello valoraron o primeiro posto acadado por Iria Tilve, do Club Piragüismo Poio, no Campionato de España sprint olímpico en C2 mixto 500 metros e o 2º posto en C2 xuvenil, así como os dous bronces no I e II Copa España Sprint Olímpico en C2 xuv. 200 e 500 metros,e os primeiros postos no campionato galego de K2 e C2 e de pista xuvenil en C2 xuv 500 metros.

    Tamén deportista do Club Piragüismo Poio é Nicolás Braña, subcampión do mundo en 2023 e seleccionado para representar a España no campionato do Mundo e de Europa.

    Con respecto ao equipo sénior feminino do Poio Pescamar, esta tempada proclamáronse subcampioas da Supercopa de España, tetracampioas da Copa Galicia 2024 e están xogando o play-off polo título de liga na máxima categoría nacional.

    Ademais, na última reunión que celebraron hai uns días, tamén se acordou facer unha mención especial e recoñecer o esforzo e os logros a diferentes deportistas e equipos locais pola súa traxectoria ao longo desta tempada. Os premios e recoñecementos entregaranse o sábado 22 de xuño, coincidindo coa lectura do pregón das festas do San Xoán.

    Así, na categoría feminina, recibirán esa mención especial Lorena Nieto Pérez (kayak polo, campiona de España por equipos e 3ª Torneo Liga Iberdrola 2024), Laura Alonso González (ximnasia rítmica, subcampioa galega base individual xuvenil), Cristina Expósito Rial (piragüismo, subcampioa galega en barco dragón DB12 2.000m e terceiro posto no campionato galego sprint k2 sénior 500m), Lara Rodríguez Pintos (piragüismo, subcampioa de España de Ríos e travesías en K2), Lola Ferro Guiance (ximnasia rítmica, ouro no campionato autonómico de conxuntos e ouro na Copa de España de conxuntos), Carolina Santos Villalón (atletismo, primeiro posto Campionato Xunta de Galicia sub20 aire L e milla en Rut), Sabela Martínez Peón (atletismo, 2º posto no campionato de España Aire Libre individual categoría sub 16 e 1º posto España Aire libre Federación Autonómicas), Xulia Losada Carramal (taekwondo, 2º posto Campionato galego promesas), Noa Muñiz Arís (kickboxing, primeiros postos no Campionato de España en Light Contact e Liga Nacional R2G en Pointfigthting e na liga de Light Contact) e Sofía Fernández Fernández (kickboxing, ouro no Campionato galego en point fight e dúas pratas en lightcontact e no contact).

    Na categoría masculina, recibirán unha mención especial Martín Expósito Rial (piragüismo, 1º posto en C1 500 e 2º en C1 xuvenil 1000 metros no Campionato de España e campión galego en C1 xuvenil en 1000 metros, clasificado para o Campionato de Europa e Mundial), Diego Piñeiro Pereira (piragüismo, 2º posto no Campionato de España Sprint Olímpico séniro C1 1000m e C4 500m), Kike Muñiz Muñoz (kickboxing, subcampión de España Light Contact), Germán Utesá Martínez ( kickboxing, campión de España Point Fighting), Marco Utesá Martínez (boxeo, 2º posto no Campionato Galego de Savate) e Naim Sequera Figueiras (taekwondo, 3º posto nos Open Internacional Cidade de Ribeira e Vila de Moaña).

    Con respecto aos equipos, entregarase ese recoñecemento aos equipos sénior masculino e feminino do Poio Balonmán Artai, Veteráns Club Atlético de Combarro, o equipo prebenxamín mixto de fútbol sala Poio, Veteráns Atlético Peña Rácing, os equipos benxamín e xuvenil de fútbol base Poio, o equipo C4 de piragüismo composto por Alejandro Gómez Rodríguez, Manuel Rey Rodríguez, Ismael Caldas Iglesias e Nicolás Braña Rial, e de C2 formado por Alba Rodríguez Requejo e Iria Tilve Señoráns. En todos os casos destacan os ascensos, campionatos ou traxectoria amosada durante a tempada.

    Os criterios que se tiveron en conta á hora de facer a elección son a situación actual das diferentes modalidades, entendendo as limitacións e características de cada unha; a superación de resultados de anos precedentes; valoración por éxito individual e colectivo; logros a nivel provincial, autonómico, estatal, europeo ou mundial; consecucións de logros non acadados en anos anteriores; ascenso a categorías superiores; representacións de deportistas locais en clubs de primeira liña; recoñecemento do traballo, voluntariedade, promoción e implicación como eidos fundamentais para fomentar o deporte no noso municipio, así como fóra del; e número de licencias das diferentes modalidades deportivas.

    OUTRAS NOTICIAS

    Scroll al inicio