Xornada sobre as oportunidades para o negocio e o emprego das variantes do Camiño de Santiago

20/05/2024

Será de carácter práctico e dirixida a emprendedores, persoas en busca de emprego, profesionais, veciños e colectivos de Poio, co obxectivo de dar “información e ferramentas” para que “todo o que teña unha idea de negocio ao redor do camiño, ou para mellorar e poñer en valor estas rutas, poida poñela en marcha”, explica a concelleira de Turismo, Rocío Cochón.

O Concello de Poio celebrará o mércores 5 de xuño a primeira ‘Xornada de Emprendemento no Camiño’, un foro pioneiro no que se analizarán as oportunidades de negocio e emprego que ofrece o Camiño de Santiago e, en particular, as variantes do Camiño Portugués ao seu paso por Poio.

O evento, organizado pola Concellería de Turismo, contará coa participación de expertos en promoción turística, creación de empresas ou financiamento, así como responsables políticos das administracións local, provincial e autonómica. Ademais, os asistentes poderán escoitar a fundadores de empresas innovadoras xa establecidas no camiño, que relatarán o seu caso e darán as claves para emprender.

En palabras da responsable da área, Rocío Cochón, a xornada “quere axudar e animar a todas as persoas interesadas en aproveitar o gran potencial do Camiño” e, en particular, as dúas variantes –Espiritual e do Padre Sarmiento– que percorren Poio e atraen cada ano a miles de peregrinos. “Queremos explicarlles todos os recursos dos que poden dispoñer e darlles os exemplos e a inspiración de como facelo”.

A xornada desenvolverase o mércores, 5 de xuño, a partir das 10:30 h no Casal de Ferreirós, e ata as 13:00 h contará con intervencións de líderes das administracións e responsables de emprego, turismo, creación de start-ups ou servizos financeiros. Tamén ofrecerase unha mesa redonda con fundadores de empresas centradas nos servizos aos peregrinos, e haberá oportunidades de tomar un café, crear conexións profesionais entre os asistentes e explorar posibles colaboracións e sinerxias.

Cochón recalcou o carácter “moi práctico” da xornada, xa que vai estar centrada en “consellos útiles e intervencións moi pegadas á realidade”, e subliñou “a posibilidade de poñer en contacto persoas e proxectos”.

O evento vai dirixido principalmente a emprendedores, persoas en busca de emprego, profesionais, veciños e colectivos de Poio, aos que se lles dará “información e ferramentas” para que “todo o que teña unha idea de negocio ao redor do camiño ou para mellorar e poñer en valor as rutas de peregrinación poida poñelas en práctica”.

Cochón animou a asistir a “todo o que teña acendida a chispa do emprendemento”, que pensou un novo servizo aos peregrinos, ou unha maneira de xerar emprego e riqueza no Camiño: “Queremos que nesta xornada reciba os coñecementos, a motivación ou o investimento para facela realidade”.

“Nos últimos meses, Poio está cada vez máis no bo camiño”, indicou Cochón, que destacou que no primeiro ano de alcaldía de Ángel Moldes, “estámonos convertindo cada vez máis nun concello máis atractivo para vivir, para visitar, para investir e para traballar, e un dos mellores expoñentes é o Camiño. Estamos traballando para ter un turismo sostible, de calidade, para todo tipo de visitantes e os 365 días do ano e para que todos os que o desexen poidan facer realidade un proxecto de vida baseado en todo o que podemos ofrecer.

A participación será completamente gratuíta ata completar o aforo. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse no email turismo@concellopoio.org, no teléfono 986 83 32 04 ou presencialmente nas oficinas de Turismo de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio