Combarro xa cun novo aparcamento disuasorio gratuíto con capacidade para preto de 50 prazas

13/05/2024

O Concello de Poio alugou unha parcela estratéxica na rúa Pedaporta para mellorar o estacionamento de residentes e dos usuarios do centro de saúde.

O Concello de Poio xa puxo a disposición da veciñanza o novo aparcamento disuasorio de Combarro, na rúa Pedaporta, e con capacidade para que estacionen preto de 50 coches de xeito gratuíto.

Segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, o alugueiro desta parcela estratéxica permitirá mellorar o estacionamento das persoas residentes deste lugar e das usuarias do centro de saúde. “Ofrecerá un servizo fundamental, xa que a parcela está situada ao carón dun núcleo urbano, onde hai multitude de vivendas unifamiliares, edificios en altura, establecementos comerciais e o Centro de Saúde de Combarro, polo que resultaba necesario e urxente dotar á zona do máximo estacionamento posible”.

Ademais, segundo indica, o Concello de Poio xa está en negociación con outros propietarios para seguir dotando a Combarro de máis aparcamentos disuasorios cos que seguir ofrecendo solucións ao problema de estacionamento. Asegura que, precisamente, ampliar as prazas de aparcamento en todo o municipio é un dos obxectivos do Goberno, consciente de que é unha das grandes problemáticas que afectan ao día a día da veciñanza.

Nesta liña, recorda que nos últimos meses o Concello de Poio xa puxo a disposición dos veciños de Poio outras tres parcelas de estacionamento, en Anafáns, na rúa do Adro e na antiga finca de Coca-Cola, e xa se chegou a un acordo histórico coas confrarías para abrir o aparcamento do Porto de Combarro. Con todo, insiste en que continúan traballando para seguir ofrecendo mellores servizos para a veciñanza.

A apertura do estacionamento da rúa Pedaporta coincide co día principal dos actos de celebración do Día de Colón, que prevé reunir en Combarro a veciños e visitantes que se acheguen ata o conxunto histórico para gozar de toda a programación preparada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio