Poio amosa o seu malestar pola nula xestión de Telefónica ante as incidencias e urxe unha reunión para falar das problemáticas que afectan ao concello

15/04/2024

Ángel Moldes alerta de que hai casos que afectan á seguridade da veciñanza, como por exemplo un poste de telefonía inclinado sobre unha vivenda ou outro caído co cableado polo chan.

O Concello de Poio amosa o seu malestar con Telefónica “pola súa nula xestión ante as incidencias que hai no municipio, máis cando moitas delas supoñen un risco grave para a cidadanía”, denuncia o alcalde, Ángel Moldes, que solicita unha reunión urxente cos responsables da compañía na zona para falar das problemáticas que afectan ao concello.

Así, di que se acumulan as incidencias que afectan tanto aos postes da rede de telefonía como á falta de conexión a internet ou problemas de cobertura móbil, e que a pesar das continuas comunicacións que se envían para esixir unha solución, “dámonos contra un muro, con moitos meses de espera a unha solución ou, directamente, sen resposta de ningún tipo”.

Recorda que neste momento hai máis dunha ducia de incidencias abertas que afectan a postes ou liñas caídas, moitas delas desde os temporais de novembro e decembro, “incidencias graves e que supoñen un perigo serio para a cidadanía”. Como exemplos, sinala que en Samieira, na avenida do Laño, hai un poste de telefonía inclinado e que supón unha ameaza de caída sobre unha vivenda ou no camiño de Arén, onde hai un poste caído sobre a beiravía, cuxo cableado está a ras de chan e sobre un banco. “Estes quizais son dous dos máis graves, pero temos moitos máis. Hai unha atención nula, é urxente que actúen, que se ocupen do mantemento e que arranxen todas estas incidencias que están poñendo en risco aos veciños de Poio. Aquí hai unha deixadez de funcións da compañía que deben resolver canto antes”, engade.

Ademais, tamén lamenta que falta mantemento en practicamente toda a rede de telefonía, tanto en postes como cableado que, nalgúns casos presentan un estado pésimo, e, ademais, sinala que nos sitios nos que están colocando fibra, estase facendo a pouca altura. Nesta liña, engade, falta cobertura móbil e de internet, non só no rural, tamén en algúns puntos do casco urbano.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio