POIO ORGANIZA ESTE SÁBADO UNHA XORNADA DE VOLUNTARIADO PARA LIMPAR O PLÁSTICO NAS PRAIAS DO MUNICIPIO

13/01/2024

2023.

O Concello de Poio organiza este sábado día 25 unha xornada de voluntariado para limpar os plásticos nas praias do municipio. O alcalde, Ángel Moldes, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e de representantes de Protección Civil, achegáronse á praia de Campelo para animar á participación da familias de Poio e tamén do sector do mar nesta actividade. “Hai zonas no paseo que están cheas de plásticos e de residuos que chegaron cos temporais. Desde o Concello de Poio levamos tres semanas traballando con maquinaria pesada para retirar as algas e os troncos dos areais, pero preocúpanos todos os plásticos que están chegando á nosa costa. Queremos evitar que eses plásticos, altamente contaminantes, volvan ao mar”, explicou Moldes.

O punto de encontro será ás 9.00 horas na contorna do campo de fútbol da Reiboa, onde se celebran as fogueiras de San Xoán, e a partir de aí, segundo o número de voluntarios, organizaranse grupos de traballo polas diferentes praias entre o paseo de Ostreira, ata Campelo, Cabeceira e Lourido. Estes grupos estarán coordinados por Protección Civil de Poio, a quen o alcalde agradeceu a súa implicación. A xornada de limpeza organizarase ata aproximadamente as 12.00 horas, condicionados polas mareas. É necesario levar botas e guantes.

Esta actividade organízase, ademais, coincidindo coa Semana europea da prevención de residuos. “Estas xornadas serán importantes para evitar que os plásticos volvan ao mar, pero tamén para concienciar e facernos reflexionar sobre o dano que as nosas accións están provocando no medio. A colaboración entre todos é fundamental para limpar o noso litoral, sobre todo o plástico. Ten efectos devastadores sobre o noso marisqueo, as nosas praias e o medio ambiente”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio