O CONCELLO DE POIO MANTÉN ACTIVO O EMPRESTAMO DE BIOTRITURADORAS PARA O TRATAMENTO DE RESTOS DE PODAS E XARDINERÍA

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio recorda que se mantén activo o servizo de préstamo de biotrituradoras, que leva operativo desde finais do primeiro trimestre do ano. A día de hoxe preto de medio cento de persoas fixeron uso destes dispositivos, que se poden solicitar de xeito temporal chamando ao Consistorio (986770001) ou poñéndose en contacto coa mestra composteira no 604025288. A recollida da maquinaria realízase en horario de mañá na Reiboa, A Seca. Cómpre lembrar que o Concello adquiriu un total de dez biotrituradoras ao abeiro unha achega de fondos europeos obtidos a través da Xunta de Galicia, que se invisten na realización de iniciativas e medidas encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos.

A contía total supera os 77.000 euros, que tamén se invisten en actuacións como a adquisición de composteiros individuais e a instalación de dispositivos comunitarios. Todas as persoas empadroadas no municipio teñen a posibilidade de solicitar o empréstamo destes dispositivos para levar a cabo traballos de tratamento e eliminación de resto de podas de maneira axeitado. Deste xeito, o que se busca é reducir ao máximo posible a realización de queimas, ao tempo que se redunda noutros beneficios como é a elaboración de estruturante para composteiros.

No momento no que se fai entrega das biotrituradoras os e as usuarias tamén reciben unha pequena guía rápida na que se explica o seu uso.  O Concello de Poio recorda que os restos que se poden tratar con esta maquinaria son fundamentalmente restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, entre as que se inclúen ramas de árbores froiteiras, viñedos, restos de xardinería ou árbores ornamentais. Pola contra, non se poderán tratar elementos verdes non leñosos, como herba, flores, follas, plantas arrincadas ou cepellóns, así como madeiras de mobles e materiais duros (pedras, ferros). Por outra banda, cada solicitante tamén recibe un documento no que figuran os obxectivos do préstamo, así como os dereitos e obrigas a cumprir tanto por parte da Administración municipal como das persoas solicitantes. Sacar do circuíto de recollida do lixo esta fracción vexetal, evitar os riscos de incendios e contaminación ambiental e a elaboración de triturado para acolchar solos e como estruturante son algúns dos obxectivos que se buscan fomentando o uso das biotrituradoras.

Charla informativa sobre composteiros individuais

Por outra banda, este xoves 8 de xuño, desde as 19.30 horas, a mestra composteira impartirá unha charla informativa no Centro de Formación da Reiboa sobre o uso e beneficios dos composteiros individuais. Con respecto a este servizo, tamén se mantén aberta a posibilidade de solicitar a adquisición destes recipientes, contactando nos números de teléfono anteriormente expostos. A día de hoxe máis de 800 vivendas do concello contan xa con este tipo de composteiros. Nestas charlas periódicas tamén se fai unha detallada explicación do proceso de montaxe e dos beneficios que supón a súa utilización, que non só se limitan ao plano medioambiental cun óptimo tratamento de restos orgánicos, senón que tamén afectan ao plano económico, xa que a elaboración de compost tamén supón unha redución de envío de cantidade de lixo a Sogama, o que redunda nun descenso de custes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio