O CONCELLO HOMENAXEA A TRES TRABALLADORAS QUE INICIAN A SÚA XUBILACIÓN

12/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado por membros do Goberno municipal, fixo entrega este martes dun obsequio conmemorativo a tres traballadoras do Concello, vencelladas á área de Servizos Sociais, que inician a súa xubilación. O acto tivo lugar no Palacete de Besada e tamén contou coa asistencia de traballadores e traballadoras municipais, que non quixeron perderse unha homenaxe “máis que merecida pola implicación e o servizo prestado durante décadas á nosa veciñanza”, tal e como indicou o rexedor. Gloria Helena Martínez Epifanio, María Alicia Veiga González e María Dolores Ferreira Suárez poñen punto e final á súa traxectoria na Administración local, da que formaron parte durante boa parte da súa vida.

No caso de Helena Martínez, exerceu como técnica e animadora sociocultural na área de Mocidade desde hai un cuarto de século, logo de incorporarse ao Concello en 1996. Pola súa banda, María Alicia Veiga foi unha das primeiras traballadoras en formar parte da plantilla que estreou a Casa Rosada de San Salvador no ano 1991, onde desenvolveu labores de administrativa. Por último, María Dolores Ferreira formou parte do persoal de limpeza das dependencias da sede de Servizos Sociais desde principio da década dos 90. Previamente, desenvolveu estes labores na escola unitaria do Vao.



As tres protagonistas deste acto recibiron de mans do alcalde Sobral e da concelleira responsable da área de Servizos Sociais, a socialista Rosa Fernández, un ramo de flores e a súa correspondente metopa. Luciano Sobral incidiu en que “todas elas foron e son un exemplo a seguir e estamos moi orgullosos de que formasen parte do Concello durante moitos anos. Agora, comezan una nova etapa na súa vida na que lle desexamos a mellor das sortes e as alegrías”.

Cómpre lembrar que desde hai uns días xa se presta atención ao público, tanto por parte de Servizos Sociais como do Centro de Información á Muller (CIM), no Palacete de Besada, tras completar o traslado desde a Casa Rosada, na que se seguirán realizando actividades lúdicas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio