O LOCAL SOCIAL DE TARRÍO RECUPERA A SÚA ACTIVIDADE LOGO DA REMODELACIÓN ACOMETIDA POLA CONCELLERÍA DE ESPAZOS MUNICIPAIS

12/01/2024

2023.

A tenente de alcalde e responsable de Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio), visitou este mércores as remodeladas dependencias do local social de Tarrío, no que o departamento municipal vén de promover unha importante reforma. Díaz desprazouse ata o inmoble, situado na parroquia de Samieira, para dar a benvida ao alumnado do Programa Saudemente, que retoman a súa actividade nestas dependencias unha vez concluídas as tarefas, e estivo acompañada pola edil de Benestar Social, Rosa Fernández (PSdeG-PSOE), e o concelleiro de Obras, o tamén socialista Julio Casás.

Tal e como recordou a tenente de alcalde, as obras acometidas na que no seu día foi a escola unitaria de Tarrío serviron para levar a cabo a reforma dos aseos das dúas plantas das que consta o edificio, garantindo, deste xeito, a súa accesibilidade. A maiores, procedeuse a equipar o local con novo mobiliario para adaptalo ás necesidades das persoas usuarias das instalacións, así como á dotación de nova iluminación e pintado interior. En vindeiras datas procederase tamén á substitucións de persianas e mellora das fiestras. “Desde o Concello somos plenamente conscientes da necesidade de que os locais que forman parte da Rede de Espazos Municipais (REM) acollen numerosas iniciativas organizadas polo tecido asociativo ou polos propios departamentos municipais, polo que continuamos coa nosa folla de ruta para acometer labores de mellora e acondicionamento nos espazos que así o precisen”, apunta Silvia Díaz, que tamén agradeceu “a paciencia e comprensión” dos usuarios e usuarias durante o desenvolvemento da obra. A tenente de alcalde recorda, ademais, que en breve tamén dará comezo o proxecto para recuperar e poñer en valor os espazos exteriores da antiga escola unitaria. Trátase dunha actuación impulsada desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida polo socialista Gregorio Agís, que será levada a cabo por EC Casas, e que inclúe a dotación de servizos básicos, aparellos biosaudables e mobiliario.

Dentro da liña de mellora dos espazos municipais,  tamén se procedeu a renovar o local social do Sartal, na parroquia de San Xoán. Ao igual que en Tarrío, procedeuse á remodelación dos aseos, así como a construción de dous novos baños adaptados, máis unha zona de almacén. A actuación, que contou cun orzamento aproximado de 10.000 euros, incluíu, asemade, a instalación de novo alicatado e tabiquería, fontanería e instalación eléctrica, así como a limpeza e pintado interior. Ademais, no exterior da antiga unitaria tamén se procedeu a revisar e substituír as tellas en mal estado, para acabar coas filtracións de humidades, e a habilitar unha rampla para facilitar a accesibilidade ao inmoble. A instalación de canaletas para pluviais, o arranxo do portalón e o pintado do muro exterior completaron o proxecto. .

A mellora da Rede de Espazos Municipais non cesa con estas actuacións, xa que a día de hoxe tamén se proxecta a mellora da acústica no local social de Campelo, en San Xoán, mentres que nas vindeiras datas darán comezo os traballos de impermeabilización de paramentos verticais e horizontais no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó. Este proxecto conta cun orzamento próximo aos 45.000 euros e xa foi adxudicado á empresa  Modo Caste Sociedad Limitada. A actuación non só se limitará á cuberta plana transitable, senón que tamén afectará á fachada e ás carpinterías exteriores do centro. A firma adxudicataria aplicará un selado de xuntas co aplacado de pedra natural, mediante o uso dun morteiro flexible. No proxecto inclúense tamén as reparacións de fisuras e unha aplicación de revestimento elástico, a base de resina acrílica, para evitar que volvan producirse.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio