MARGA CALDAS PROXECTA A HUMANIZACIÓN DA BAIXADA Á CHOUSA CUNHA ACTUACIÓN EN FAVOR DA PREFERENCIA PEONIL

12/01/2024

2023. A

 concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, vén de confirmar que o Concello de Poio solicitará unha achega a través da Rede Ágora, impulsada pola Deputación de Pontevedra e á que está adherida a Administración local desde o ano 2020, para proceder á redacción dun ambicioso proxecto para transformar e mellorar a Baixada á Chousa, en Combarro. Tal e como lembra Caldas Moreira, este programa provincial está destinado a municipios que contan con menos de 50.000 habitantes, marcando coma obxectivo impulsar traballos que promovan espazos seguros, cun maior protagonismo ás sendas e itinerarios para peóns e ciclistas.

“Este será, precisamente, o espírito da actuación, que servirá para humanizar a vía, cunha clara aposta por outorgar unha maior preferencia ao tránsito peonil”, sinala a titular de Seguridade Cidadá. Tal e como consta na memoria técnica inicial, a reforma afectaría a unha extensión superior aos 2.700 metros cadrados, desde o cruce da Baixada á Chousa coa PO-308 ata o porto.

Entre as melloras a acometer, figura a dotación dunha senda para peóns de 2,5 metros, ademais da dotación dunha plataforma a nivel. Deste xeito, tamén se melloraría a superficie con “elementos dunha maior calidade”, apunta Marga Caldas. A actuación completaríase coa instalación, asemade, de mobiliario urbano e máis especies arbóreas na contorna. Tamén se aposta pola renovación das luminarias. “Entendemos que esta é unha actuación moi necesaria e que suporía unha mellora substancial no que á seguridade viaria e accesibilidade se refire para un dos grandes puntos neurálxicos do noso concello”, conclúe Caldas.

A responsable de Seguridade Cidadá explica que actualmente xa se está a rematar toda a tramitación previa á solicitude da achega da Rede Ágora, que serviría para custear a redacción do proxecto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio