O domingo celébrase a andaina Camiño Violeta entre Lourido e Combarro para visibilizar a violencia machista

19/11/2026

Inclúese na programación elaborada polo Concello de Poio polo 25N, que pon o foco na violencia dixital provocada pola IA. O mércores será o parón institucional, diante da Casa do Concello, con lectura do manifesto expresando o compromiso de que Poio sexa un municipio libre de violencia de xénero.

O Concello de Poio organiza este domingo, 22 de novembro, a andaina Camiño Violeta para visibilizar e sensibilizar sobre a violencia machista. Esta actividade englóbase dentro da programación elaborada para conmemorar o 25N e que pon o foco na violencia dixital exercida mediante a intelixencia artificial.

A andaina, que está dirixida para toda a cidadanía, sairá ás 10.00 horas do parque Costa Xiráldez, en Lourido, para dirixirse ata Combarro. Alí , na Praza da Chousa, as asociacións do Consello Municipal da Muller lerán o manifesto e, posteriormente, visualizarase o vídeo documental gravado anteriormente nos distintos talleres e actividades organizadas, como mostra do traballo realizado ao carón do lema que vertebra a campaña deseñada polo Concello de Poio para conmemorar o 25N.

As persoas interesadas en participar na andaina poden anotarse no enderezo electrónico igualdade@concellopoio.org, e as primeiras 150 inscricións recibirán como agasallo unha camiseta.

Tamén esta fin de semana, o sábado 21, impártese a primeira das súas sesións do obradoiro e defensa persoal para mulleres, que se desenvolverá no ximnasio municipal de 11.00 a 12.30 horas. É unha actividade gratuíta que estará impartida por Lucía Soto, veciña de Poio e campioa nacional e internacional de kickboxing. Aínda quedan algunhas prazas libres, polo que as persoas intesesadas en participar poden anotarse tamén no enderezo electrónico igualdade@concellopoio.org.

A campaña do Concello de Poio para conmemorar o Día para a eliminación das violencias contra as mulleres, o 25 de novembro, incide de xeito directo na prevención a través das xeracións máis novas. Ademais da andaina, conta con numerosos talleres e obradoiros que se desenvolverán ao longo dos próximos meses en colaboración cos centros de ensino do municipio.

O propio mércores, 25 de novembro, haberá un parón institucional diante da Casa do Concello, ás 12.00 horas, onde se dará lectura ao manifesto no que se expresará o compromiso de que Poio sexa un municipio libre de violencia de xénero.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio