O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu esta semana na Casa do Concello a Carla García Vicente, que vén de proclamarse dobre subcampioa do mundo de kickboxing no Campionato Mundial ISKA 2026, que se celebrou este mes en Madrid.
Concretamente, esta moza de Poio acadou medallas de prata en kick light e en light contact. “Un dobre éxito froito do seu esforzo e dedicación, que nos enche de orgullo”, destacou Moldes.
Na recepción, na que tamén participou o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, o alcalde puxo en valor o deporte como hábito saudable e como vía para fomentar o respecto, o esforzo e a constancia.
Moldes lembrou que Poio é cuna de grandes clubs e deportistas e engadiu: “Cada un dos vosos avances é un motivo de orgullo para o voso concello”.