O Concello desenvolve programas específicos desde a infancia ata a adolescencia e traballa en ámbitos como a igualdade, a saúde mental, a educación afectivo-sexual e a convivencia positiva. Ángel Moldes: “non abordamos o acoso escolar como un problema illado que aparece cando xorde un conflito, senón como unha cuestión clave de convivencia, educación, benestar emocional e igualdade que require prevención, coordinación e continuidade”.
O Concello de Poio está a consolidar unha estratexia integral de prevención do acoso escolar baseada na colaboración institucional, a intervención educativa e o acompañamento á infancia e á adolescencia. Unha liña de traballo que implica os centros educativos e os servizos municipais, e que ten como obxectivo promover contornas seguras, inclusivas e libres de violencia.
Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o Concello de Poio “non aborda o acoso escolar como un problema illado que aparece cando xorde un conflito, senón como unha cuestión clave de convivencia, educación, benestar emocional e igualdade que require prevención, coordinación e continuidade”.
Esta estratexia, coordinada a través do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) do Concello de Poio, parte dunha premisa fundamental: a prevención do acoso non pode limitarse a actuar cando se produce unha situación de violencia, senón que debe comezar moito antes, desde idades temperás, educando no respecto, na tolerancia, na empatía e na igualdade.
Neste sentido, o alcalde sinala que “é unha responsabilidade compartida na que debemos implicarnos as administracións, os centros educativos e as familias”.
PREVENCIÓN DESDE A INFANCIA ATA A ADOLESCENCIA
Unha das principais fortalezas desta estratexia é a adaptación das actuacións ás diferentes etapas evolutivas do alumnado.
Así, o programa “Un A-poio para medrar” traballa desde os seis anos, con dinámicas centradas nos límites, o respecto e os coidados. Pola súa banda, “ALPRE” acompaña o alumnado nos cambios de etapa educativa co obxectivo de previr situacións de desvinculación escolar e favorecer unha transición positiva.
Na adolescencia destaca “Mentes que moven mentes”, unha iniciativa que desenvolve sesións periódicas no Pazo Besada con mozos e mozas a partir dos 14 anos. A través da análise de casos e do debate participativo, o proxecto aborda cuestións como o racismo, os prexuízos, a igualdade, as relacións afectivo-sexuais, a saúde mental, as redes sociais, a identidade dixital ou a prevención das violencias.
O obxectivo vai máis alá da transmisión de información: búscase crear espazos nos que a mocidade poida cuestionar estereotipos, identificar comportamentos e reflexionar sobre as súas propias relacións e as dinámicas que se producen na súa contorna.
A prevención das violencias e do acoso escolar complétase con outras liñas de traballo impulsadas desde o programa municipal de Educación para a Saúde, “Wellness_Poio’26”.
Entre elas figura o traballo sobre responsabilidade sexoafectiva e promoción de relacións igualitarias. Neste ámbito, o Concello está a desenvolver os grupos interxeracionais “Amor de medo”, espazos de diálogo e reflexión arredor dos mitos e estereotipos que condicionan as relacións afectivas, como os celos entendidos como unha proba de amor ou a crenza de que amar implica necesariamente sufrir.
Tamén se atopa en fase de desenvolvemento a proposta “Ti non serás un dato”, xurdida por iniciativa do propio IES, que abordará a saúde mental, a prevención do suicidio e das autolesións, así como a achega de ferramentas para a xestión emocional e a identificación de canles de axuda.
A estas actuacións súmanse as campañas municipais vinculadas ao 8M e ao 25N, que incorporan accións específicas dirixidas á poboación infantil e xuvenil para educar en igualdade, respecto e tolerancia. Tamén destaca o apoio do Concello á “Rede de centros pola convivencia positiva”, que favorece o intercambio de experiencias e boas prácticas entre as comunidades educativas.
O alcalde destaca tamén que “queremos que Poio sexa un concello no que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan medrar e desenvolverse en contornas seguras, nas que se sintan escoitados, respectados e protexidos. Para iso é fundamental traballar de forma conxunta e coordinada, detectar posibles situacións de vulnerabilidade e ofrecer ferramentas que permitan construír relacións saudables e unha convivencia positiva”.
REDE DE CONCELLOS CONTRA O ACOSO ESCOLAR
Poio forma parte da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, a través da súa adhesión ao convenio marco entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP, unha iniciativa que permite reforzar a coordinación territorial e mellorar a colaboración cos centros educativos. Esta cooperación concrétase tamén no programa “Poio Educa en Rede”, un protocolo anual que establece reunións de coordinación entre os Servizos Sociais municipais e os equipos de orientación e dirección de todos os centros educativos do municipio. Este espazo de traballo conxunto facilita o seguimento das situacións, o intercambio de información e a procura de respostas coordinadas.