A sesión será o xoves 5, ás 20.00 horas, no local da Comunidade de Montes de Combarro.
O Concello de Poio convoca á veciñanza de Combarro, Chancelas e Samieira a unha reunión informativa sobre o proxecto provisional que a Xunta de Galicia acaba de aprobar para construír unha senda peonil nese tramo da PO-308.
O obxectivo deste encontro é explicar polo miúdo o cronograma e as características dunha actuación que contribuirá a mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a mobilidade entre as parroquias de Combarro e Samieira.
A reunión informativa celebrarase o xoves, 5 de novembro, ás 20.00 horas, nas instalacións da Comunidade de Montes de Combarro. Trátase dunha sesión aberta á participación de toda a veciñanza, na que, xunto ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, estarán presentes representantes e técnicos da Xunta de Galicia.
Ángel Moldes destaca que se trata dun proxecto que permitirá mellorar notablemente a accesibilidade e o tránsito entre Combarro e Samieira, dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza e continuidade a toda a senda do litoral. Neste sentido, subliña que é unha actuación «moi realista, elaborada con moita sensibilidade e atendendo á realidade da zona e ás necesidades que os veciños levan anos trasladando».
O alcalde tamén lembra que nos próximos días comezarán as obras de reforma do porto de Covelo, unha actuación que complementará a nova senda e que contribuirá a mellorar a seguridade e as condicións de mobilidade nesta contorna: «Queremos que toda a veciñanza poida transitar de forma segura pola PO-308 e desfrutar tamén da mellora de toda a zona do peirao de Covelo».
Moldes anima a participar na reunión informativa do xoves para coñecer de primeira man os detalles da actuación e resolver calquera dúbida. «Xunto cos técnicos da Xunta explicaremos o proxecto e intentaremos aclarar todas as cuestións que poidan xurdir. Queremos que os veciños coñezan e poidan analizar unha actuación que vai mellorar a súa calidade de vida”, conclúe.
A nova senda peonil e ciclista terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta nunha estrada cunha alta densidade de tráfico, pola que circulan arredor de 15.000 vehículos ao día.