Poio garante atención temperá gratuíta a máis dun centenar de nenos e nenas do municipio

01/11/2026

Ángel Moldes destaca a importancia deste servizo, que permite ás familias aforrar miles de euros ao ano en terapias especializadas e garante a igualdade de oportunidades. A unidade realizou máis de 1.400 sesións de apoio no último ano, non ten lista de agarda e ofrece unha primeira cita nun prazo medio de doce días.

O Servizo Municipal de Atención Temperá de Poio atende actualmente a 101 nenos e nenas menores de seis anos, consolidándose como un recurso fundamental para favorecer o desenvolvemento infantil, apoiar as familias e garantir que todos os menores poidan acceder á atención especializada que precisan, independentemente da súa situación económica.

O alcalde, Ángel Moldes, mantivo esta semana unha reunión de coordinación e seguimento coas profesionais da unidade, representantes de Cogami, entidade encargada da xestión do servizo, e persoal municipal para facer balance do traballo realizado durante o último ano e establecer os obxectivos para os próximos meses. No encontro tamén participaron as concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.

Moldes trasladou o seu “orgullo e satisfacción” polo funcionamento dun servizo que “mellora directamente a calidade de vida, o desenvolvemento e o benestar de moitos nenos e nenas de Poio e das súas familias”. Neste senso, indica que “a atención temperá é unha oportunidade real para moitas crianzas. Estamos falando de detectar posibles dificultades nos primeiros anos de vida e ofrecerlles, canto antes, as ferramentas e o apoio profesional que precisan para favorecer o seu desenvolvemento. É un servizo que marca un antes e un despois para moitas familias e que demostra a importancia de investir nas persoas desde a infancia”.

Ademais dos beneficios para o desenvolvemento infantil, tamén pon en valor o importante apoio económico que representa este recurso para as familias, que poden acceder gratuitamente a intervencións especializadas de psicoloxía, logopedia e fisioterapia pediátrica. “Este servizo é tamén unha aposta pola igualdade, xa que evitamos que a situación económica sexa un obstáculo para acceder á atención especializada. Estamos falando dun recurso que pode supoñer un aforro de miles de euros ao ano, pero cuxo verdadeiro valor vai moito máis alá dos cartos”, subliña.

Os datos recollidos na memoria anual reflicten a importante actividade que desenvolve a Unidade de Atención Temperá de Poio nos últimos doce meses. Entre novembro do pasado ano e principios de outubro atendéronse 47 novas demandas e mantívose a atención a 45 casos anteriores. Ao longo deste mes incorporáronse á unidade outras nove familias, ata alcanzar os 101 menores que reciben actualmente atención.

Nestes doce meses, as profesionais realizaron 1.417 sesións de apoio e 299 sesións de valoración, ademais de 64 consultas de acollida, 125 sesións de equipo, 191 entrevistas de coordinación e 29 actuacións comunitarias. Estas últimas inclúen obradoiros dirixidos ás familias sobre lactación, sono infantil, rabietas ou porteo, así como actividades formativas co profesorado e coas escolas infantís, encontros coas familias nos centros educativos e actuacións de coordinación cos servizos de pediatría, entre outras.

Un dos datos máis positivos é que a unidade non ten actualmente lista de agarda. O prazo medio entre a solicitude de atención e a primeira cita sitúase en doce días, o que permite ofrecer unha resposta áxil ás necesidades das familias. “É especialmente importante que as familias saiban que teñen este recurso á súa disposición e que poden acceder a el con rapidez. Cando falamos de atención temperá, o tempo é fundamental, porque detectar e intervir canto antes pode marcar unha diferenza moi importante no desenvolvemento dos menores”, incide Moldes.

POIO, ENTRE OS CONCELLOS MELLOR VALORADOS DE GALICIA

A reunión de seguimento coincidiu coa publicación das axudas da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia destinadas ao funcionamento das unidades de atención temperá.

Nesta convocatoria, Poio obtivo a segunda mellor puntuación de toda Galicia entre os concellos que presentaron solicitudes individuais, sen formar parte de agrupacións ou mancomunidades, e a primeira entre os municipios de menos de 20.000 habitantes.

Este resultado permite garantir a continuidade do servizo durante os próximos dous anos e reforza a aposta por manter unha atención pública, gratuíta e de calidade para as familias do municipio.

A Unidade de Atención Temperá de Poio conta cun equipo multidisciplinar integrado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica. A atención préstase de luns a venres nas instalacións da Casa Rosada. O servizo está dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos e ten como finalidade previr, detectar e intervir ante posibles dificultades no desenvolvemento infantil, ofrecendo tamén orientación e acompañamento ás familias.

RETOS PARA OS PRÓXIMOS MESES

De cara ao próximo ano, o Concello e o equipo profesional queren seguir reforzando as actuacións de prevención e sensibilización, especialmente a través da colaboración coas escolas infantís, as familias, os centros educativos e o profesorado. Esta colaboración permitirá seguir reducindo a idade de acceso ao servizo. Actualmente, a idade media de incorporación sitúase nos tres anos e tres meses, unha cifra que xa experimentou unha redución significativa con respecto aos primeiros meses da posta en funcionamento do servizo.

As profesionais tamén destacaron a importancia da implicación das familias e do traballo coordinado entre os distintos ámbitos, xa que as intervencións especializadas se complementan co acompañamento que os nenos e nenas reciben na casa e nos centros educativos.

Finalmente, Ángel Moldes agradeceu o compromiso e a dedicación das profesionais da unidade, de Cogami e dos diferentes departamentos municipais implicados no seu funcionamento.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio