O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu esta semana na Casa do Concello ao piloto local Yonathan Corbacho Corredoira, que vén de proclamarse campión galego de montaña na categoría 5A, sumando así un novo éxito á súa traxectoria deportiva.
Durante o encontro, no que tamén participou o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, o rexedor felicitou ao piloto polo título acadado e fíxolle entrega dun agasallo en nome do Concello, como mostra de recoñecemento ao seu esforzo, constancia e dedicación.
Moldes destacou o orgullo que supón para Poio contar con deportistas que, como Yonathan Corbacho, levan o nome do municipio ao máis alto das competicións galegas, nacionais e internacionais, e constitúen un exemplo de superación e compromiso co deporte.