A XGL saca a licitación a pavimentación de oito viarios municipais por preto de 120.000 euros

06/10/2026

Inclúe actuacións nas rúas Viñas, do Adro, Río Lérez e Río Ulla e do camiño da Ribeira, en San Salvador; no camiño da Bouza, en Combarro; e no camiño da Fábrica e rúa Pereiro de Abaixo, en San Xoán. Unha vez publicado o anuncio no perfil do contratante, as empresas terán de prazo 20 días naturais para presentar as súas propostas.

A Xunta de Goberno local de Poio aprobou esta mañá as bases para licitar a pavimentación das rúas Viñas, do Adro, Río Lérez, Río Ulla e Camiño da Ribeira, en San Salvador; do camiño da Bouza, en Combarro; e Camiño da Fábrica e rúa Pereiro de Abaixo, en San Xoán.

Cun orzamento de preto de 120.000 euros, financiados integramente pola Deputación de Pontevedra a través do plan Vía Depo, o obxectivo desta actuación é mellorar a rede viaria municipal e reforzar a seguridade.

As empresas interesadas poden rexistrar as súas propostas durante 20 días naturais a contar desde o día seguinte á publicación do anuncio no perfil do contratante, a través de medios electrónicos. Os traballos consistirán principalmente na renovación do pavimento e na posta a punto destes viarios municipais, afectados polo desgaste do uso e agravado cos efectos dos temporais do inverno pasado.

No caso da Rúa Viñas, acometerase agora un pavimentado para actuar de forma urxente e transitoria ante o alarmante deterioro do vial, de xeito consensuado coa veciñanza, pero o obxectivo é investir a curto prazo nun proxecto máis amplo, co que mellorar a mobilidade e seguridade de toda a estrada. Desde o Goberno local explican que o deterioro do vial é tan grave que supoñía un maior custe bachear que asfaltar, e o resultado vai ser completamente diferente. Unha medida transitoria ata que se execute un proxecto máis completo e ambicioso.

Estas intervencións permitirán mellorar a mobilidade e a seguridade tanto para vehículos como para peóns, dando resposta ás necesidades trasladadas pola veciñanza e avanzando no mantemento da rede viaria municipal, unha rede especialmente deteriorada tras a climatoloxía e os temporais deste inverno.

AXUDAS DEPORTISTAS E CONTRATACIÓN TÉCNICO SUPERIOR ANIMACIÓN SOCIO-CULTURAL E TURÍSTICO

Tamén na Xunta de Goberno celebrada hoxe, aprobouse a xustificación das subvencións deportivas concedidas aos clubs Escola de Piragüismo de Poio e Sporting Campelo e aos deportistas individuais Sabela Martínez Peón, Óscar Viñas Pazos e Emilio Cochón Alonso.

Por último, aprobáronse as bases para a selección, mediante oposición, dun técnico superior de animación socio-cultural, ao abeiro das subvencións destinadas a contratación de persoas mozas inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil. O contrato terá unha duración de 9 meses, a xornada completa, e as persoas candidatas serán remitidas directamente pola oficina pública de emprego.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio