A Oktoberfest de Campelo enche esta fin de semana a Praza da Granxa de música, gastronomía e ambiente festivo

30/09/2026

A cita celébrase este venres 2 e sábado 3 de outubro cunha ampla oferta de cervexas e gastronomía, sesión vermú e as actuacións de GIN TONI’S, DR SLUMP, Terapia de Grupo e DJ ARROW.

A Praza da Granxa acolle este venres 2 e sábado 3 de outubro a duodécima edición da Oktoberfest de Campelo, unha cita xa consolidada no calendario festivo de Poio que mestura o gusto pola cervexa coa gastronomía de calidade, a música en directo e un gran ambiente.

O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, acompañaron esta mañá á Asociación Cultural e Deportiva de Campelo na presentación da programación desta nova edición, coa que colabora o Concello de Poio.

Moldes destacou que esta celebración representa “unha oportunidade para seguir dinamizando o lugar de Campelo” e lembrou que “é xa unha cita totalmente consolidada, unha festa familiar, cun público moi fiel edición tras edición”.

O alcalde puxo tamén en valor a calidade dos produtos que se ofrecen durante a celebración, a aposta polos negocios locais e, especialmente, a implicación dos membros da asociación na organización de todo o evento.

Neste sentido, salientou tamén o dinamismo asociativo que existe en Poio, grazas ao cal se pode completar unha ampla oferta lúdica, festiva e cultural durante todo o ano. Propostas como a Oktoberfest de Campelo son un exemplo do traballo colaborativo entre a veciñanza, o tecido asociativo e a Administración local para impulsar actividades que contribúen á dinamización social e económica do municipio.

CERVEXA, GASTRONOMÍA E MÚSICA EN DIRECTO

A gastronomía volverá ser un dos grandes atractivos da Oktoberfest. Xunto coa degustación de diferentes tipos de cervexa, o público poderá desfrutar de distintas variedades de salchichas, codillos e hamburguesas a prezos populares, completando unha oferta pensada para compartir en familia e entre amigos.

A programación festiva comezará o venres 2 ás 20.00 horas. Nesta primeira xornada, a música correrá a cargo de GIN TONI’S e DJ ARROW, que serán os encargados de animar a noite na Praza da Granxa.

O sábado 3, a festa continuará desde o mediodía coa tradicional sesión vermú, amenizada por Terapia de Grupo. A música seguirá ao longo da xornada coas actuacións de DR SLUMP e DJ ARROW. Tanto o venres como o sábado, entre as 20.30 e as 00.30 horas, funcionará a ludoteca para os máis cativos.

Serán, en definitiva, dous días para desfrutar da cervexa, a gastronomía, a música en directo e o ambiente festivo en Campelo, nunha celebración que chega á súa duodécima edición convertida xa nunha das citas habituais do outono no municipio.



OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio