Ángel Moldes destaca que a Festa da Ameixa enxalza o produto emblemático de Campelo e consolídase como referente turístico de Galicia

21/09/2026

Entregouse a Ameixa de Prata a 23 mariscadoras e mariscadores xubilados no último ano. A programación, ampla, variada e para todas as idades, continúa mañá sábado e o domingo, coa apertura dos postos de degustación ás 12.00 horas.

A 38 Festa da Ameixa, a primeira edición que se celebra coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, xa está en marcha en Campelo. A homenaxe que o Concello de Poio rende cada ano á xente do mar, coa entrega da Ameixa de Prata ás 23 mariscadoras e mariscadores que se xubilaron no último ano, abriu unha programación que ata o domingo ofrecerá propostas gastronómicas, lúdicas e musicais para todas as idades.

O acto estivo presidido polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa asistencia da conselleira do Mar, Marta Villaverde; do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e do deputado provincial Marcos Guisasola, así como de membros da corporación municipal, representantes das confrarías e das agrupacións de marisqueo, asociacións culturais, veciñais e deportivas de Campelo e empresas vinculadas ao sector.

Durante a súa intervención, Moldes puxo en valor a forte vinculación da Festa da Ameixa coa identidade mariñeira de Campelo e de Poio, e destacou o significado especial desta 38 edición: “Hoxe abrimos unha Festa da Ameixa especial, porque por primeira vez podemos facelo levando con orgullo o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. É un recoñecemento á traxectoria desta celebración, pero sobre todo ao esforzo de todas as persoas que, ao longo de case catro décadas, contribuíron a facela medrar e a convertela nunha cita imprescindible”.

O alcalde incidiu tamén na importancia da festa como escaparate para promocionar a ameixa, reivindicar a calidade do produto da ría e visibilizar o traballo das persoas vinculadas ao marisqueo. “Campelo e Poio teñen unha relación inseparable co mar e esta festa permítenos compartir esa identidade con todas as persoas que nos visitan. Durante estes días celebramos a nosa gastronomía, pero tamén recoñecemos un sector que forma parte da nosa historia, da nosa economía e da nosa maneira de entender Poio”, sinalou.

Neste sentido, Moldes destacou que a declaración de Interese Turístico de Galicia “abre unha nova etapa e unha oportunidade para que a Festa da Ameixa chegue aínda máis lonxe, atraia novos visitantes e continúe dando a coñecer a excelencia dun produto do que nos sentimos profundamente orgullosos”.

HOMENAXE Á XENTE DO MAR

O Concello de Poio fixo entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que traballan en Poio (Raxó, San Telmo e Lourizán) xubilados no último ano: Mercedes Pazos Albar e Dolores Milagros Villaverde Canabal, da Confraría de San Gregorio de Raxó; Marina Sotelo Moreira, Manuel Pérez do Nacimento, María Dolores Torres Pazos, Juana Blanco Carregal e María Carmen Pousada Fontenla, da Confraría de Lourizán; e Dolores Abal Barreiro, Marina Buceta Alonso, Maribel Carballa Viñas, Rosa María Freijo Torres, Cándida García Carballa, Agustín Latourrette Luces, Carmen Leiro Castro, María del Carmen Martínez Amorín, Felicidad Martínez Castro, Dolores Martínez Piñeiro, Ángela Patiño Castro, Olga Pazos Torres, Manuel Ángel Pesqueira Torres, Elvira Pousada Rial, Juan Carlos Quintela Iglesias e Cándido Silva Rosales.

“Mulleres e homes que dedicastes boa parte da vosa vida ao mar e que sodes parte esencial da historia e do presente de Poio. Detrás de cada ameixa que chega ás nosas mesas hai traballo, experiencia, sacrificio e un profundo respecto pola ría. Esta festa tamén é, e debe ser sempre, unha homenaxe a todos vós”, agradeceu o alcalde.

Durante a tarde, o Concello de Poio e a Asociación Arela tamén deron a coñecer os gañadores do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa, que repartiu 600 euros en vales para material fotográfico e degustacións para as Xornadas Gastronómicas da Ameixa que se celebrarán en outubro.

María José Fraga Amboaje, con Tres cunchas, foi a gañadora do certame, seguida de Alfonso López Piñeiro, coa fotografía Cormorán vendo o atardecer desde o mar, e de Irene Pazos Loira, con A cor da ría.

Tras o acto institucional, os asistentes puideron degustar xa as primeiras racións de ameixa á mariñeira, ameixa con fideos e ameixa con arroz nos postos de venda, coa música de Pontis Veteris e da Escola de Música Tradicional de Poio. O prato forte da noite chegou á Praza da Granxa co concerto de Henry Méndez, que coa súa xira Papacalambre fixo soar algúns dos seus temas máis coñecidos, nunha xornada que rematou coa sesión do DJ Jorge Álvarez.

A programación continúa este sábado e domingo, coas casetas de degustación abertas desde as 12.00 horas e actividades para todas as idades. A sesión vermú do sábado contará coa música en directo de Black Nails, a partir das 13.30 horas. A música da agrupación folclórica Vides Novas contribuirá a animar a carpa durante a degustación do mediodía, mentres que a partir das 20.00 horas soará a canción mariñeira de Bahía de Tambo. Xa pola noite, o escenario de Campelo acollerá o tributo a Joaquín Sabina de La penúltima Sabinera, a partir das 22.00 horas e con entrada de balde. A noite rematará coa actuación do DJ Pedro Campos. Tanto o sábado como o domingo haberá propostas específicas para o público infantil durante a tarde, con pintacaras, actuacións e inchables.

O domingo 20 completarase a programación festiva coa actuación de Algo pasa con Mery, durante a sesión vermú (13.30 horas). Pola tarde, a Escola de Acordeóns Campelo-Poio ofrecerá un concerto na Praza da Granxa, seguido da orquestra Fania Blanco Show (19.30 horas) e cun espectáculo de luces como peche da 38ª edición (21.30 horas).

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio