Campelo acolle a 38ª Festa da Ameixa, do 18 ao 20 de setembro, que estrea o seu recoñecemento de Interese Turístico de Galicia

11/09/2026

A cita gastronómica máis veterana do concello afronta unha edición histórica cunha ampla programación para todos os públicos.

Poio acollerá do 18 ao 20 de setembro a 38ª edición da Festa da Ameixa, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo do concello que se celebra en Campelo e a festa gastronómica máis antiga do municipio. A Lonxa de Campelo foi o escenario elixido para presentar unha edición especialmente significativa, a primeira que se celebrará tras conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

O novo distintivo supón o recoñecemento a varios anos de traballo para reforzar e poñer en valor unha celebración estreitamente vinculada á identidade mariñeira de Campelo. Desde o Concello destacan que se trata dun “distintivo de excelencia” que permitirá dar unha maior proxección á Festa da Ameixa e trasladar ao conxunto de Galicia a calidade do produto da ría de Pontevedra e o traballo que se desenvolve no fondo da ría.

A celebración mantén, ademais, o seu carácter participativo e colectivo. Na súa organización e desenvolvemento están implicadas as tres confrarías e as agrupacións de mariscadoras e mariscadores, así como diferentes asociacións e colectivos de Campelo, cun obxectivo común: facer da Festa da Ameixa un escaparate do produto local e, ao mesmo tempo, unha ferramenta de dinamización social e económica.

O alcalde, Ángel Moldes, explicou que a importancia da festa vai máis alá da súa vertente gastronómica e lúdica. Todo o produto procederá da ría de Pontevedra e será adquirido directamente a través da Lonxa de Campelo e das confrarías. Deste xeito, a celebración contribúe directamente á actividade do sector e ás familias que viven do marisqueo.

Desde o Concello subliñan especialmente a posibilidade de celebrar unha nova edición contando con produto da ría nun momento no que non todas as zonas de Galicia se atopan nas mesmas condicións para traballar. “A Festa da Ameixa non é só unha festa lúdica”, incidiu o alcalde. A cita ten unha importante repercusión no desenvolvemento socioeconómico do municipio, tanto pola compra directa do produto como pola promoción dun sector do que dependen numerosas familias.

TRES DÍAS DE MÚSICA, GASTRONOMÍA E ACTIVIDADES

A 38ª Festa da Ameixa ofrecerá unha programación pensada para públicos de todas as idades desde o venres 18 ata o domingo 20 de setembro. A degustación poderase realizar desde o venres pola noite ata o domingo a mediodía, coas especialidades de ameixas á mariñeira, con fideos e con arroz.

O venres 18 arrancará oficialmente a celebración, cun protagonismo especial para o sector do mar e coa participación de 25 mariscadoras e mariscadores pertencentes ás tres confrarías. Pola noite, a música tomará o relevo co concerto de Henry Méndez, ao que seguirá a actuación do DJ Jorge Álvarez.

O sábado 19 continuará a programación cunha sesión vermú e, xa pola noite, cun tributo a Joaquín Sabina. Tanto o sábado como o domingo haberá propostas específicas para o público infantil durante a tarde, con pintacaras, actuacións e inchables.

O domingo 20 completarase a programación festiva coa tradicional actuación dunha orquestra e cun espectáculo de luces como peche da 38ª edición.

A programación incluirá tamén unha nova edición do concurso de fotografía, no que o mar e a ría volverán ser os protagonistas das imaxes participantes.

UN ESCAPARATE PARA CAMPELO E PARA A RÍA DE PONTEVEDRA

A declaración de Interese Turístico de Galicia abre unha nova etapa para unha celebración que chega á súa 38ª edición mantendo intacta a súa vinculación co mar. O recoñecemento permitirá incrementar a proxección da festa e reforzar a promoción da ameixa como produto de referencia da ría de Pontevedra.

O Concello de Poio destaca que a Festa da Ameixa combina a celebración e o lecer cunha finalidade fundamental: apoiar o sector, promocionar o produto da ría e poñer en valor o traballo das mariscadoras e mariscadores.

Campelo afronta así tres días de festa nos que gastronomía, música, tradición e actividade económica volverán ir da man, nesta ocasión co aliciente de estrear un recoñecemento que consolida a Festa da Ameixa como unha das grandes citas gastronómicas de Galicia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio