Ángel Moldes destacou que “é o momento de solicitalo, agora que o Goberno central debe realizar un modificado do proxecto do nó de Bombeiros, para que incorpore esta proposta, que contribuiría de maneira significativa a desconxestionar o tráfico na contorna da Barca, un dos puntos máis sensibles en termos de mobilidade do noso concello”. O Concello amplía de 7 a 20 as prazas de Xantar na Casa para reforzar a atención ás persoas maiores e dependentes.
O pleno da Corporación de Poio acordou por unanimidade solicitar a creación dunha nova saída da AP-9 en Portosanto, no punto quilométrico 130 en dirección Vigo, unha actuación coa que se pretende ofrecer unha alternativa rápida e segura ao nó de Bombeiros e á Barca para boa parte da veciñanza de Poio, así como para as persoas que diariamente se desprazan ao municipio por motivos laborais ou para visitalo.
A proposta permitiría, ademais, retirar tráfico dos actuais accesos ás estradas PO-308 e PO-531, especialmente vehículos pesados, contribuíndo a aliviar dous dos principais eixes de comunicación do municipio e a reducir a presión circulatoria na contorna da Barca.
Segundo explicou durante o pleno a concelleira Rocío Cochón, no punto no que se propón habilitar esta nova saída xa existe un carril de incorporación á AP-9 en dirección Vigo. A actuación consistiría en habilitar un carril de deceleración e executar un vial paralelo ao xa existente que permitiría enlazar coa PO-309, unha estrada de dobre sentido de circulación.
Trátase, ademais, dun tramo da AP-9 que funciona como circunvalación e está libre de peaxe. Outro dos aspectos que se considera favorable para estudar a viabilidade da actuación é que os terreos sobre os que sería necesario intervir xa son de titularidade estatal, polo que non sería preciso acometer expropiacións nin adquirir novos terreos para executar a conexión.
O alcalde, Ángel Moldes, considera que este é o momento adecuado para reiterar esta proposta ao Goberno de España, tendo en conta a modificación que debe realizarse no proxecto do nó de Bombeiros. “Queremos que se estude agora esta alternativa e que se teña en conta dentro da planificación das actuacións previstas nesta zona. Falamos dunha conexión que podería ofrecer unha saída directa e segura para moitos desprazamentos e, ao mesmo tempo, retirar vehículos da Barca e dos accesos á PO-308 e á PO-531”, sinalou.
O acordo plenario inclúe tamén solicitar a instalación de pantallas acústicas nos puntos nos que a proximidade da autoestrada provoca maiores afeccións sobre as vivendas e os núcleos de poboación. O obxectivo é reducir o impacto do ruído xerado polo tráfico da AP-9 e mellorar a calidade de vida da veciñanza das zonas afectadas. O Concello solicitará outra reunión co subdelegado do Goberno e co delegado do Goberno en Galicia para trasladarlles directamente estas propostas e abordar as posibilidades para avanzar no seu estudo e tramitación.
A Corporación acordou tamén instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a iniciar os estudos técnicos e de viabilidade necesarios para analizar unha conexión directa entre a VG Campañó-Mosteiro e a AP-9. Esta conexión permitiría aproveitar en maior medida as posibilidades da actual infraestrutura e mellorar a conectividade de Poio coa rede viaria de alta capacidade, facilitando os desprazamentos e ofrecendo novas alternativas aos itinerarios que actualmente soportan unha maior intensidade de tráfico. O Concello defende, en todo caso, que calquera trazado que se formule para facer posible esta conexión deberá contar co consenso da veciñanza afectada.
AMPLIACIÓN DO PROGRAMA XANTAR NA CASA
Durante o pleno aprobouse tamén a sinatura dun novo convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para ampliar o programa Xantar na Casa, que pasará das 7 prazas actuais a un total de 20 persoas beneficiarias.
Trátase dun servizo fundamental para garantir unha alimentación axeitada e contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e daquelas con problemas de mobilidade ou dependencia, facilitando que poidan continuar no seu domicilio cunha atención adaptada ás súas necesidades.
O novo convenio terá unha duración de catro anos, prorrogable por outros catro, e contempla a posibilidade de modificar o número de persoas beneficiarias mediante acordo entre as partes.
O custo do servizo de xantar é de 7,34 euros por persoa e día. Desta cantidade, o Concello achega o 26,7% e a persoa usuaria outro 26,7%, mentres que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asume o 46,6% restante.
Por último, na sesión aprobouse tamén unha modificación de crédito para destinar ao funcionamento do Obradoiro de Emprego Verde e Sostible os 14.000 euros da subvención concedida a Buxa Motor que finalmente non foron utilizados ao non celebrarse a Subida á Escusa. Ademais, reaxustáronse as anualidades do convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Poio para executar o novo bombeo e o depósito de retención da Seca, así como a mellora da estación de bombeo de augas residuais do Porto de Campelo.