Ángel Moldes comprobou hoxe o avance dunhas obras que inclúen renovación do firme, reorganización do espazo público e mellora na accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas. A actuación forma parte do Plan A Caeira-Boavista, cun investimento global de 3,4 millóns de euros
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, comprobou esta mañá o avance das obras de reurbanización das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, na Caeira, unha actuación que permitirá transformar de xeito integral esta contorna, mellorando a accesibilidade, os servizos e os espazos públicos para dar maior protagonismo ás persoas.
Os traballos, adxudicados á empresa Marconsa por un importe de preto de 800.000 euros e cun prazo de execución de dez meses, avanzan a bo ritmo.
“Esta é a primeira obra do plan A Caeira-Boavista, que é a resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste lugar. Esta é unha demostración máis de que os nosos compromisos de Goberno se están convertendo, pouco a pouco en feitos”, destacou Ángel Moldes durante a visita.
A intervención contempla a renovación do firme e a reorganización do espazo público mediante a creación dunha plataforma única, coa eliminación de barreiras arquitectónicas para facilitar a mobilidade e mellorar a accesibilidade da veciñanza.
A actuación permitirá tamén renovar e modernizar as infraestruturas existentes, coa mellora das redes de abastecemento e saneamento, un novo sistema para a recollida de augas pluviais e a renovación do alumeado público. Ademais, instalaranse canalizacións soterradas que permitirán soterrar no futuro as liñas eléctricas.
O proxecto inclúe tamén o acondicionamento dunha nova conexión peonil entre as rúas Río Sil e Río Tambre, aproveitando a corredoira existente para facilitar os desprazamentos a pé e mellorar a conexión entre diferentes puntos da Caeira.
“Esta é unha demanda que nos plantexou a asociación de veciños da Caeira, aproveitar este paso municipal para construír unhas escaleiras que permitan conectar de xeito directo coa parte alta da Caeira”, destacou Moldes. Neste senso, indicou que para o Goberno é prioritario que a veciñanza faga aportacións para mellorar e optimizar proxectos que van repercutir de xeito directo no seu día a día.
Outro dos puntos destacados da actuación é a recuperación do recinto polideportivo da rúa Oitavén, coñecido como o “Poli”, que será transformado nun novo punto de encontro interxeracional para a veciñanza. O espazo deportivo e infantil contará cun campo multideportivo, zona de xogos e bancada e levará o nome de “Teresa Abelleira”, poñendo en valor a vinculación da futbolista coa Caeira e cun lugar no que deu as súas primeiras patadas ao balón.
PLAN A CAEIRA-BOAVISTA
A reurbanización das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén está financiada integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia e forma parte do Plan A Caeira-Boavista, a estratexia impulsada polo Concello de Poio para modernizar estas contornas, mellorar os servizos básicos e crear espazos públicos máis accesibles e pensados para as persoas.
O plan contempla un investimento global de 3,4 millóns de euros e inclúe outras intervencións en puntos como Illa de Ons, Illa de Tambo, Río Miño, San Antoniño e Illa de San Simón, entre outras.