Poio suma esforzos para protexer o seu litoral coa terceira edición de Costa Azul

27/07/2026

O alcalde Ángel Moldes agradece a implicación dunha mocidade “que elixe comprometerse coa limpeza e protección medioambiental durante as súas vacacións de verán”. Hoxe traballaron na contorna do Miradoiro da Pinela, antes de disfrutar dunha tarde de praia.

Preto dunha vintena de mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de distintos puntos de España participan estes días en Poio na terceira edición do campo de voluntariado Costa Azul, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Poio coa colaboración da Xunta de Galicia que volveu esgotar todas as súas prazas.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Xuventude, Tamara González, visitaron este luns ao grupo durante a xornada de limpeza desenvolvida na contorna do Miradoiro da Pinela, unha actividade que completaron cunha tarde nas praias do municipio.

O obxectivo deste programa é colaborar activamente na limpeza e protección do litoral, ao tempo que os participantes coñecen de preto a riqueza natural, paisaxística e cultural de Poio. «É unha forma moi diferente de gozar das praias», destacou Moldes, quen agradeceu a implicación dunha mocidade «que elixe comprometerse coa limpeza e protección medioambiental durante as súas vacacións de verán».

Ao longo da súa estancia, que se prolongará ata o 3 de agosto, os voluntarios e voluntarias procedentes de Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía ou Madrid participan en diferentes actuacións de recollida de residuos, principalmente plásticos, en distintos puntos do municipio.

O programa combina as accións ambientais cun amplo calendario de actividades de lecer e ecoturismo. Durante a súa estancia tamén realizan rutas en kaiak, paddle surf e longboard, ademais de visitar algúns dos principais espazos naturais e patrimoniais do municipio, coa finalidade de coñecer a contorna desde unha perspectiva sostible.

Moldes quixo agradecer «o compromiso e o esforzo» dos participantes e lembrou que «a contaminación, especialmente polos plásticos, afecta directamente ao sector do mar», polo que apelou á responsabilidade de toda a cidadanía.

Ademais das tarefas de limpeza, o campo de voluntariado inclúe actividades formativas centradas na economía circular e nas 7R, promovendo hábitos sostibles e fomentando a concienciación ambiental entre a mocidade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio