Depol, segunda confirmación do Concello de Poio para a Festa do Mar, cun concerto gratuíto o 21 de agosto en Combarro

24/07/2026

Xunto a Café Quijano, formará parte dunha programación que volverá apostar pola música, a gastronomía e a identidade mariñeira de Poio.

O Concello de Poio continúa desvelando a programación da Festa do Mar 2026 coa confirmación do artista Depol, que ofrecerá un concerto gratuíto o venres 21 de agosto, ás 23.30 horas, na Praza da Chousa, en Combarro.

Tras anunciar a presenza de Café Quijano, o Concello incorpora agora un dos artistas con maior proxección do panorama pop nacional actual. Depol converterase nun dos grandes reclamos musicais desta edición, cun directo no que interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos.

O cantante e compositor consolidouse nos últimos anos como unha das grandes revelacións da música española grazas ao seu estilo persoal e a cancións que acumulan millóns de reproducións nas plataformas dixitais. Entre os seus maiores éxitos figuran Quién diría, que supera os 66 millóns de reproducións e foi recoñecida con triplo disco de platino; Qué bonita, con máis de 42 millóns de escoitas e dobre disco de platino; e Ibiza, que tamén obtivo o dobre disco de platino tras superar os 38 millóns de reproducións en Spotify. Ademais, chegou ao número 1 da lista de LOS40 cos sinxelos Ibiza e Te confieso e suma máis de 1,2 millóns de oíntes mensuais en Spotify.

A programación musical contará tamén coa actuación de Café Quijano, prevista para o sábado 22 de agosto, completando dous dos principais concertos dunha edición que volverá reunir en Combarro miles de persoas.

Nos próximos días, o Concello de Poio dará a coñecer o resto das propostas da Festa do Mar 2026, que se celebrará do 20 ao 23 de agosto. O evento volverá converter Combarro nun dos grandes referentes do verán en Galicia, cunha programación que combinará música, gastronomía e actividades culturais para poñer en valor o patrimonio mariñeiro do municipio e visibilizar o papel estratéxico do sector marítimo no seu desenvolvemento económico e social.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio