O programa permitirá formar durante nove meses a 20 alumnos-traballadores. Ángel Moldes destaca a importancia deste tipo de programas para mellorar as oportunidades laborais no municipio.
O obradoiro dual de emprego “Poio verde e sostible” comezou hoxe coa incorporación de 20 alumnos-traballadores do municipio, que durante os próximos nove meses recibirán formación e adquirirán experiencia profesional na especialidade de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, participaron esta mañá na apertura do obradoiro. Este programa dual de emprego e formación está dirixido a persoas desempregadas co obxectivo de mellorar a súa cualificación profesional e facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Ao longo do obradoiro, o alumnado adquirirá experiencia en traballos vinculados á xestión e conservación ambiental, á prevención de incendios forestais e á recuperación de infraestruturas verdes. Ademais, levaranse a cabo actuacións para restaurar e poñer en valor os xardíns do Pazo Besada.
A iniciativa conta cun financiamento de 501.552 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia para sufragar os custos deste programa de formación e emprego.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para mellorar as oportunidades laborais no municipio. “Trátase dunha oportunidade para que as persoas desempregadas adquiran coñecementos e experiencia profesional real, melloren o seu perfil e aumenten as súas posibilidades de inserción laboral nun sector con demanda crecente”, sinalou. Así mesmo, animou ás persoas participantes a “aproveitar esta oportunidade para formarse, adquirir experiencia e dar un paso máis cara á súa incorporación ao mercado laboral”.
Moldes recordou que hai case dúas décadas que Poio non conta cun obradoiro de emprego, e agradeceu aos técnicos municipais a súa implicación, esforzo e traballo nas últimas semanas para sacalo adiante.
As persoas participantes contan cun contrato de formación e aprendizaxe a xornada completa, de 40 horas semanais, que lles permitirá combinar a teoría coa práctica profesional ao longo dos nove meses de duración do obradoiro.