Concello e AAVV de Campelo colaboran para mellorar a visibilidade e seguridade no Roteiro da Ostreira

14/07/2026

Ángel Moldes: “Este proxecto é unha mostra de como o compromiso e a iniciativa das asociacións veciñais contribúen a facer de Poio un concello mellor”.

A Asociación de Veciños de Campelo vén de completar a instalación dun sistema de iluminación sostible nun primeiro treito do Roteiro da Ostreira, unha actuación que permitirá mellorar a visibilidade e reforzar a seguridade das persoas que empregan esta senda ao longo de todo o ano. O proxecto contou coa colaboración do Concello de Poio e de Ence, a través do seu Plan Social.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o presidente da Asociación de Veciños, Manuel Ligero, visitaron a actuación, que corresponde á primeira fase dun proxecto co que se pretende dotar de iluminación o tramo inicial do roteiro, con saída desde Campelo. Un proxecto que, segundo explicou Ligero, foi elaborado con moita sensibilidade, respectando en todo momento a contorna.

O Roteiro da Ostreira é un dos espazos naturais máis transitados do municipio, utilizado diariamente tanto por veciños e veciñas como por visitantes para pasear e gozar da contorna, practicar deporte ou realizar rutas de sendeirismo. Ademais, é un itinerario empregado por peregrinos e tamén polas mariscadoras, que o percorren de madrugada para acceder á praia da Ostreira durante a súa xornada de traballo.

A nova iluminación permitirá realizar este percorrido en mellores condicións de seguridade, especialmente durante os meses de inverno, cando a redución das horas de luz dificulta e mesmo impide transitar pola senda con garantías.

Esta actuación constitúe a primeira fase dun proxecto de mellora do roteiro, co obxectivo de seguir avanzando na posta en valor deste espazo natural e facilitar o seu uso durante todo o ano.

O alcalde de Poio destacou o valor desta actuación, tanto polo servizo que presta á veciñanza como polo exemplo de colaboración entre administracións e tecido asociativo: «Este proxecto é unha mostra de como o compromiso e a iniciativa das asociacións veciñais contribúen a facer de Poio un concello mellor. Desde o Concello queremos agradecer o traballo da Asociación de Veciños de Campelo, que unha vez máis demostra a súa implicación coa mellora da contorna e coa calidade de vida da veciñanza», sinalou.

Non é a primeira iniciativa impulsada pola Asociación de Veciños de Campelo coa colaboración do Concello de Poio e do Plan Social de Ence. Anteriormente xa levaron a cabo a recuperación dun antigo punto de vertido incontrolado no Camiño do Castro, transformándoo nun miradoiro sobre a ría e nun espazo de encontro e convivencia para a veciñanza, contribuíndo así á recuperación ambiental e á posta en valor da contorna.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio