Comezan as obras de reforma urbana da Caeira coas primeiras actuacións nas rúas Río Sil, Umia e Oitavén

10/07/2026

O Concello inicia a execución do Plan A Caeira-Boavista, un proxecto de transformación urbana con máis de 3,7 millóns de euros para humanizar os espazos públicos, renovar os servizos básicos e mellorar a calidade de vida da veciñanza

O Concello de Poio deu este xoves o pistoletazo de saída ao plan de transformación da Caeira e Boavista, un ambicioso proxecto que suporá un investimento superior aos 3,7 millóns de euros para modernizar estas contornas, mellorar os servizos básicos e crear espazos públicos máis accesibles, cómodos e pensados para as persoas.

As primeiras actuacións comezan nas rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, cun investimento de preto de 800.000 euros financiado integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia. Unha intervención que permitirá avanzar na mellora da calidade de vida da veciñanza e atender unha demanda histórica do barrio.

Durante o inicio das obras, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que «seguimos dando pasos para que Poio avance con feitos» e lembrou que «50 anos é tempo dabondo para agardar por un proxecto que, por fin, vai dar protagonismo ás persoas e transformar este espazo para facelo máis accesible, cómodo e amable». No arranque das obras tamén participou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

«Estamos a cumprir cos compromisos adquiridos e a impulsar proxectos que transforman os barrios e melloran o día a día das persoas. Este é só o primeiro paso dun plan de transformación que marcará un antes e un despois na Caeira e en Boavista», concluíu Moldes.

A actuación contempla a reforma integral das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén mediante a creación dunha plataforma única que eliminará barreiras arquitectónicas, mellorará a accesibilidade e permitirá canalizar a recollida de augas pluviais. Ademais, renovaranse as redes de abastecemento e saneamento, acondicionarase un carreiro peonil entre as rúas Río Sil e Río Tambre para facilitar os desprazamentos a pé, modernizarase o alumeado público e instalarase unha tubaxe que permitirá soterrar no futuro as liñas eléctricas.

O proxecto inclúe tamén a recuperación do recinto polideportivo da rúa Oitavén, coñecido como o «Poli», que leva anos en estado de abandono. O obxectivo é rehabilitar este espazo infantil e deportivo para convertelo no novo punto de encontro «Teresa Abelleira», poñendo en valor un lugar de especial significado para a veciñanza da Caeira e para a propia futbolista, xa que alí deu as súas primeiras patadas ao balón.

Luis López subliñou tamén que, aínda que o proxecto está financiado ao 100 % pola Deputación, o seu impulsor é o alcalde de Poio. «Ángel Moldes está conseguindo que os proxectos pasen do papel á realidade. Poio deixou de ser noticia pola parálise e hoxe é un concello no que se fala de investimentos, de boa xestión e de progreso», afirmou.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio