Investimento de preto de 30.000 euros para renovar a Biblioteca Municipal e mellorar as instalacións e o servizo á veciñanza

09/07/2026

Ángel Moldes: “queremos facer da biblioteca un espazo máis eficiente e cómodo, queremos que sexa un lugar de encontro arredor da lectura e da cultura».

O Concello de Poio está mellorando as instalacións da Biblioteca Municipal, situada en Campelo, cun investimento de preto de 30.000 euros destinado á rehabilitación das instalacións e á renovación do seu equipamento, co obxectivo de ofrecer un espazo máis cómodo, moderno e funcional para as persoas usuarias.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron esta mañá as obras para comprobar o avance dunha intervención que permitirá seguir mellorando a calidade do servizo.

As actuacións inclúen a instalación de tarima flotante en toda a biblioteca, incluída a zona infantil, a sala de lectura, de ordenadores e a área de préstamos, ademais da renovación do mobiliario coa substitución das estanterías, mesas, cadeiras e do mostrador de préstamos.

Do mesmo xeito, faranse tamén traballos de pintado das dependencias e reparación das humidades existentes no teito, contribuíndo a mellorar tanto a conservación do edificio como o confort das persoas usuarias.

Estas actuacións completan o proceso de modernización da Biblioteca Municipal iniciado nos últimos anos. Entre as intervencións realizadas anteriormente figuran a substitución das ventás, que permitiu mellorar a eficiencia e a comodidade das instalacións, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a instalación dun ascensor e a creación de novos baños adaptados para persoas con mobilidade reducida. Ademais, tamén se substituirá a tarima no local que utiliza a Escola de Acordeóns de Campelo, situado no mesmo inmoble, que presentaba un avanzado estado de deterioro.

Ángel Moldes subliña que esta intervención «é un exemplo do compromiso do Goberno local coa mellora continua dos servizos públicos». Neste senso, indica que “nos últimos anos fomos actuando para facer da biblioteca un espazo máis eficiente e cómodo, e agora damos un paso máis renovando os seus interiores e o seu equipamento para que siga sendo un lugar de encontro arredor da lectura e da cultura».

A maiores das actuacións no local, o Concello continuará reforzando o servizo bibliotecario coa adquisición de novidades editoriais en galego e doutros títulos de interese, co propósito de ampliar e actualizar o fondo bibliográfico, ofrecendo unha colección máis ampla, diversa e adaptada aos intereses de todos os públicos.

A Biblioteca Municipal permanece pechada estes días mentres se ultiman os traballos e se reorganizan os espazos antes da súa reapertura. Durante este período, as persoas usuarias poden seguir desfrutando do servizo de préstamo de libros a través das Bibliopraias de Poio, situadas nos areais do Laño, Siorto e Cabeceira, onde teñen á súa disposición unha ampla selección de lecturas para este verán.

Con este investimento, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos equipamentos culturais municipais, promovendo espazos públicos de calidade que fomenten a lectura e o acceso á cultura en condicións óptimas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio