Desde o Goberno local recordan aos establecementos a obriga de cumprir a normativa, tamén no referido a terrazas, limpeza e baldeado para garantir a convivencia entre turismo, hostalería e veciñanza.
O Concello de Poio vén de reforzar as medidas contra a Tapería “La Terraza Chill Out”, situada na Rúa 3 de Combarro, un establecemento sen licenza de actividade, que acumula numerosas denuncias e incumprimentos urbanísticos e sanitarios ao longo da última década. Esta semana volveuse precintar o local, coa imposición de selos, o baleirado do establecemento e a retirada do mobiliario.
O local xa fora precintado en agosto de 2025 por carecer de licenza, por incumprimentos urbanísticos e por un amplo historial de denuncias por molestias, ruídos, cheiros, fumes, apropiación indebida de espazo público e outras irregularidades.
Pouco despois daquel primeiro precinto, a propietaria rompeu os selos e reabriu o establecemento ao público, feitos polos que foi denunciada por desobediencia grave á autoridade. Este procedemento xudicial continúa actualmente en curso. Ademais, durante este tempo a Consellería de Sanidade tamén decretou o peche sanitario do local tras detectar varias deficiencias e incumprimentos das condicións hixiénico-sanitarias.
De forma paralela á vía penal, o Concello de Poio mantivo aberta a vía administrativa, impuxo multas coercitivas e continuou tramitando as medidas necesarias para facer cumprir a legalidade. Finalmente, esta semana executouse un novo decreto de peche e precintado do establecemento.
O operativo contou coa presenza da concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón; da concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González; do secretario municipal; dun representante letrado do Concello; así como de axentes da Policía Local e operarios municipais, que procederon ao precintado do local e a retirada do mobiliario e do material instalado na terraza.
Tras esta nova actuación, Rocío Cochón lembrou que o Concello de Poio vai seguir facendo “todo o que estea nas nosas mans para facer cumprir a lei, pero sobre todo para protexer ás persoas que visitan Combarro e Poio”.
A concelleira destacou que “as administracións teñen instrumentos para defender a legalidade, a saúde e a seguridade da xente. Antes ou despois, a lei cúmprese”.
Cochón subliñou tamén que este tipo de actuacións “ademais de para protexer aos potenciais clientes, fanse tamén para defender á práctica totalidade de establecementos que si cumpren a lei, que respectan a convivencia e que contribúen a ofrecer unha imaxe de calidade de Combarro e de todo Poio”.
CAMPAÑA ENTRE OS ESTABLECEMENTOS EN DISTINTOS PUNTOS PARA CUMPRIR COAS OBRIGAS DE LIMPEZA E TERRAZAS
Tamén nestes días, o Concello de Poio está a levar a cabo unha campaña informativa entre a hostalería de distintos puntos turísticos do municipio, como Combarro e Raxó, para recordar aos establecementos que están obrigados a cumplir coa normativa vixente en canto á ocupación da vía pública, sen superar nin o número de mesas nin o de cadeiras autorizadas.
Ademais, desde o Concello esixen que ao remate da xornada e despois do peche se aseguren de que o solo queda completamente limpo, libre de residuos, aceites e outras substancias que poidan deteriorar a pedra das rúas ou xerar malos cheiros.
Nesta liña, as autoridades municipais lembran tamén que non poden deixar as bolsas de lixo na rúa, senón que deben depositalas nos colectores correspondentes e asegurarse de que non están rasgadas nin verten líquidos, salsas ou outros restos na vía pública.
Son normas fundamentais para respectar a convivencia entre a actividade turística e hostaleira e a veciñanza: a falta de limpeza ou o incumprimento das normas vai contra a imaxe do noso Concello pero tamén contra a calidade de vida dos nosos veciños.
Agora que vén a parte central da tempada estival, con máis visitantes, máis actividade, é máis importante que nunca demostrar que en Poio é posible ter unha actividade turística boa para todos, “e para iso todos tamén temos que poñer da nosa parte”