Poio ofrece un verán cheo de actividades para a infancia, a mocidade e as familias

29/06/2026

A programación inclúe os Espazos Concilia, a Semana Máxica, Teatro Miúdo, o campo de voluntariado Costa Azul e, como novidade, unha excursión familiar ao parque acuático de Amarante.

O Concello de Poio presenta un completo programa de actividades para que a mocidade e a rapazada desfruten das vacacións de verán con propostas lúdicas, culturais, educativas e de conciliación. A programación inclúe iniciativas consolidadas como os Espazos Concilia, a Semana Máxica e o Campamento Teatro Miúdo, ás que se engaden o campo de voluntariado «Costa Azul» e, como novidade este ano, unha excursión familiar ao parque acuático de Amarante, en Portugal.

Os Espazos Concilia volverán este mércores 1 de xullo, para ser unha das principais apostas do Concello coas que favorecer a conciliación das familias durante o período estival. Desenvolveranse nas instalacións dos colexios de Viñas, Espedregada e Isidora Riestra e ofrecerán máis de 1.000 prazas ao longo do verán. Estes días estanse celebrando reunións informativas coas familias das nenas e nenos participantes para explicar a organización, funcionamento e as actividades do programa.

Pola súa banda, o Campamento Teatro Miúdo, que se está a desenvolver en Raxó ata o 30 de xuño, achega o mundo do teatro ás crianzas desde unha perspectiva integral que vai máis alá da interpretación. O teatro é crear, xogar, improvisar, imaxinar e expresar, polo que as participantes e participantes crearán a súa propia compañía teatral e asumirán diferentes roles, tanto artísticos como técnicos.

Outra das propostas máis agardadas será a Semana Máxica, dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO. A iniciativa combina acampada, praia, excursións e actividades de aventura durante tres días en cada quenda, que se desenvolverán en Samieira ao longo do mes de agosto. O prazo de inscrición abrirase a mediados de xullo e este ano, como novidade, inclúe actividades de hípica para os asistentes.

O programa de verán complétase co campo de voluntariado «Costa Azul», que a Xunta de Galicia organizará por terceiro ano consecutivo no municipio a finais de xullo. Está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de todo o país e contará cunha temática medioambiental e mariña, centrada na limpeza do litoral mediante actuacións por terra e por mar no interior da ría de Pontevedra, con intervencións en espazos como Lourido, Combarro, a Illa de Tambo ou Chancelas.

Como novidade, o Concello organiza tamén unha excursión familiar ao parque acuático de Amarante, en Portugal, que terá lugar o domingo 5 de xullo. A actividade permitirá ás familias compartir unha xornada de convivencia e lecer nun dos principais parques acuáticos do norte do país veciño.

Con esta programación, o Concello de Poio continúa apostando por ofrecer alternativas de ocio educativo e de calidade durante o verán, ao tempo que facilita a conciliación das familias e promove a participación da mocidade en actividades culturais, deportivas e medioambientais.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio