O Goberno local destaca que máis do 90% do seu programa está cumprido ou en marcha tres anos despois do inicio do mandato

12/06/2026

Ángel Moldes salienta a transformación “innegable” do municipio, con investimentos por valor de preto de 70 millóns de euros e reivindica a estabilidade e a boa xestión como claves do avance: “Temos claro o modelo de concello que queremos construír e imos seguir traballando para facer de Poio un municipio con máis oportunidades, máis servizos e do que todos os veciños e veciñas poidan sentirse orgullosos”.

O Goberno local de Poio fixo balance esta mañá dos seus tres primeiros anos de mandato, destacando que máis do 90% do programa de goberno está cumprido ou en marcha.

Durante un encontro cos medios de comunicación en Samieira, o alcalde Ángel Moldes subliñou que este nivel de cumprimento tradúcese en investimentos, melloras de servizos e proxectos que están a transformar o municipio e a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“O cambio é innegable e está á vista da veciñanza”, sinalou, e defendeu que a transformación de Poio responde a un modelo de concello “máis dinámico, con máis oportunidades, mellores servizos e maior calidade de vida”.

PRETO DE 70M€ EN INVESTIMENTOS

O Goberno local destacou que o Concello ten executadas ou en marcha actuacións cun valor próximo aos 70 millóns de euros, unha cifra que evidencia a dimensión dos investimentos realizados nos últimos anos e a capacidade do Goberno local para atraer recursos doutras administracións.

Entre os proxectos máis relevantes figuran a transformación da PO-308 entre A Barca e Casal de Ferreirós (1,6M€), a mellora de espazos públicos e infraestruturas en distintas parroquias, os investimentos asociados ao novo contrato da auga (15,4M€), os tanques de tormentas da Seca e Saíñas (8M€), o futuro polígono industrial de Fragamoreira (30M€), o Centro de Día de Campelo (800.000€), a estrada entre A Seara e Campelo (1,8M€), mellora do tránsito peonil entre Casalvito e O Padrón (670.000€), senda peonil na PO-303 (1,6M€), mellora das instalacións do Porto de Combarro (2,8M€), peirao do Covelo (450.000€), reurbanización rúa Río Oitavén (800.000€), Obradoiro de Emprego (500.00€), mellora da contorna do Centro Comercial A Barca (230.000€), pista de atletismo da Seca, parques infantís, así como rehabilitación de equipamentos e espazos públicos.

O Executivo puxo en valor a colaboración institucional coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para facer realidade actuacións estratéxicas destinadas a “modernizar infraestruturas, reforzar servizos e impulsar o desenvolvemento do municipio”.

MÁIS SERVIZOS E MELLOR CALIDADE DE VIDA

Xunto ás infraestruturas, o Goberno municipal destacou o reforzo dos servizos públicos e das políticas sociais desenvolvidas durante o mandato.

Neste ámbito salientaron o incremento dos recursos destinados aos servizos sociais, a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá, o aumento das axudas á conciliación familiar, os programas de formación para persoas desempregadas e as medidas de apoio aos sectores produtivos do municipio.

Ademais, reivindicaron unha xestión económica “responsable e eficiente”, que permitiu reducir débeda, resolver reclamacións históricas e diminuír a presión fiscal para a veciñanza mediante a baixada de impostos e taxas municipais.

EMPREGO, ACTIVIDADE ECONÓMICA E ORGULLO DE PERTENZA

Ángel Moldes puxo en valor que Poio é cada vez máis un lugar atractivo para vivir, traballar, emprender e investir. Nesta liña, resaltou a aposta por unha programación cultural, deportiva e de lecer estable durante todo o ano, con iniciativas que contribúen a dinamizar o comercio e a hostalaría local e a xerar actividade económica.

De cara ao último tramo de mandato, o Goberno local asegurou que afronta esta etapa “coa mesma ambición e responsabilidade” coas que iniciou o mandato. “Cada vez máis persoas perciben que Poio avanza, mellora e ten un proxecto de futuro”, indicou.

Unha mellora que, asegurou, “non é froito da casualidade”. As claves, asegurou, son estabilidade institucional, xestión responsable e eficiente, xerar confianza e ambición por ofrecer o mellor á veciñanza”.

“O balance é moi positivo, pero seguimos sendo un goberno ambicioso e inconformista. Temos claro o modelo de concello que queremos construír e imos seguir traballando para facer de Poio un municipio con máis oportunidades, máis servizos e do que todos os veciños e veciñas poidan sentirse orgullosos”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio