Ángel Moldes destaca a transformación e consolidación da Festa do Mar como referente da identidade mariñeira

01/08/2026

“Ao longo destas catro edicións, fomos consolidando unha programación atractiva, diversa e de calidade, pensada para todos os públicos, o que fixo da Festa do Mar unha cita cada vez máis recoñecida e esperada tanto pola veciñanza como por quen nos visita”. A programación estruturase en tres bloques: o gastronómico, a carpa museo e as embarcacións tradicionais, que se suman aos concertos e espectáculos gratuítos de Café Quijano, Depol, Orquestra América, Bravo pola Música, Panorama City, DJ Arrow, DJ Matrex, Mago Paco ou Os Bolechas.

O Concello de Poio deu a coñecer esta mañá a programación íntegra da Festa do Mar 2026, que se celebra en Combarro do 20 ao 23 de agosto. Unha cita que, como subliñou o alcalde, Ángel Moldes, consolídase como un referente cultural e mariñeiro.

«Esta será a cuarta edición da Festa do Mar organizada polo actual Goberno local, unha cita que, ao longo destes anos, experimentou unha transformación moi importante, recuperando a súa esencia e converténdose nun referente para a posta en valor da nosa identidade mariñeira”, destacou durante a presentación da programación no porto de Combarro, na que participaron os edís de Eventos e Festexos, de Cultura e de Deportes, Fran Dasilva, Natalia Sabarís e Tucho Muíños, respectivamente, así como de representantes das entidades locais que colaboran, como son Ateneo Corredoira de Combarro, Amecomra, Opmega, A Eixola ou Club Mariño A Reiboa.

Segundo explicou o alcalde, a celebración permite “reivindicar o patrimonio marítimo e pesqueiro de Poio e, especialmente, de Combarro, poñendo en primeiro plano unha parte fundamental da nosa historia, da nosa cultura e da nosa maneira de entender e vivir o mar”.

O rexedor subliñou tamén que “edición tras edición fomos consolidando unha programación atractiva, diversa e de calidade, pensada para todos os públicos, o que fixo da Festa do Mar unha cita cada vez máis recoñecida e esperada tanto pola veciñanza como por quen nos visita”.

Ademais, puxo en valor o impacto social da iniciativa, sinalando que “o que máis nos satisfai é comprobar que esta festa contribúe a reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza, recuperando e reivindicando unhas raíces mariñeiras das que nos sentimos profundamente orgullosos”.

Por último, o alcalde quixo agradecer “a implicación das asociacións, colectivos, profesionais do mar, colaboradores e de todos os veciños e veciñas que fan posible esta celebración, porque sen o seu compromiso e participación a Festa do Mar non sería o que é hoxe”.

UNHA PROGRAMACIÓN EN TRES BLOQUES: GASTRONÓMICO, CARPA MUSEO E EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

A programación estruturase en tres bloques na Praza da Chousa: o gastronómico, a carpa museo e as embarcacións tradicionais.

Con respecto ao gastronómico, inclúese a degustación de produtos do mar durante as sesións vermús con música en directo o venres, sábado e domingo (13.30 horas), cos concertos de La Mosca Valiente, 7 Motivos e Los Támega, respectivamente. Ademais, todas as persoas que decidan quedarse a comer ou cear poderán facelo nalgún dos máis de vinte locais de hostalería que hai en Combarro e que colaboran coa festa, onde poden consumir produtos do mar da máxima calidade, explicou Moldes.

Na carpa museo, que estará aberta todos os días desde as 12.00 horas, poderanse visitar exposicións sobre a cultura mariñeira, entre as que se inclúen maquetas de barcos e outras pezas cedidas por veciños, fotografías antigas seleccionadas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo e do centro de formación A Eixola ou a exposición fotográfica sobre embarcacións tradicionais de Culturmar.

E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, que esta edición celebran a 30 edición da Xuntanza con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, para a que se estima que participen máis de trinta embarcacións.

PROPOSTAS PARA PÚBLICO INFANTIL, CANCIÓN MARIÑEIRA E CONCERTOS GRATUÍTOS

A música tamén supón unha parte importante para a programación da Festa do Mar con espectáculos e concertos gratuítos para todos os públicos.

O espectáculo infantil dos Bolechas abrirá a programación, o xoves ás 19.00 horas, na Praza da Chousa. De seguido, ás 21.30 horas, Antonio Barros e Lys Pardo ofrecerán o concerto Xuntos pola Música, nunha velada que rematará coa actuación da Orquestra América (23.00 horas).

O venres, Orfeón Pontis Veteris e Abóbriga porán a música na Mostra da Canción Mariñeira que comezará ás 20.00 horas. Pola noite será o concerto do artista Depol, ás 23.30 horas e con entrada de balde. Antes e despois, o DJ local Arrow animará a Praza da Chousa.

O sábado pola tarde, ás 19.00 horas, o Mago Paco espertará a ilusión e a maxia entre o público familiar. Xa pola noite, será quenda de Café Quijano, que ofrecerá un concerto gratuíto na Praza da Chousa. Como na xornada anterior, outro DJ, Matrek, será o encargado de poñer música antes e despois do concerto.

Por último, o domingo pola tarde, ás 18.30 horas, actuará a agrupación folclórica Vides Novas, seguido do Pasarrúas de Máis Cantos e a Mostra da Canción Mariñeira, con Maravalladas e Adelaida. Pola noite, e antes dos fogos de artificio, actuará a orquestra Panorama City (22.00 horas).

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio