Reunirá o mércores 5 de agosto en Combarro a Marlon, Lola Tuduri, Naiara, LG1DO, Enol, La Beba, Awy e Pikete nun concerto que rematará cunha sesión musical do DJ de Los 40 David Álvarez. Ángel Moldes: «É un orgullo que Los 40 Summer Live confíe en Poio. Que nos escollan como unha das dúas únicas paradas en Galicia confirma que o noso municipio se consolida como un referente na organización de eventos de primeiro nivel, capaces de atraer público de toda a contorna e dinamizar a actividade económica e social».
O Concello de Poio quenta xa motores para recibir outra das grandes citas musicais do verán. Tras o éxito do festival Senda do Mar, que reuniu a milleiros de mozos o pasado venres na Seca, o vindeiro mércores, día 5 de agosto, Los 40 Summer Live fará parada en Combarro. O alcalde, Ángel Moldes, e José Hermida, director adxunto de Radio Pontevedra, presentaron esta mañá na Praza da Chousa o concerto, acompañados polos concelleiros de Festexos, Fran Da Silva; de Cultura e Educación, Natalia Sabarís; e de Deportes, Tucho Muíños.
Poio será un dos dous únicos concellos de Galicia que acollerán esta xira, unha das máis multitudinarias do verán en España, que cada ano leva a milleiros de persoas a desfrutar dun espectáculo totalmente gratuíto cos artistas máis destacados do panorama musical actual.
Desde as 22.30 horas, sobre o escenario de Los 40 Summer Live na Praza da Chousa pasarán artistas consagrados e emerxentes, como Marlon, Lola Tuduri, Naiara, LG1DO, Enol, La Beba, Awy e Pikete, nunha noite que rematará coa sesión musical do DJ de Los 40 David Álvarez.
Durante a presentación, o alcalde animou á veciñanza e aos visitantes a participar nunha cita pensada para todas as idades e que converterá Combarro nun escenario excepcional para gozar da música en directo. «Queremos que veciños e visitantes desfruten dunha noite inesquecible nun contorno espectacular como é Combarro, cun concerto gratuíto e cun cartel de primeiro nivel que ofrece propostas para todos os públicos», sinalou.
Moldes amosouse moi satisfeito de que Poio sexa un dos dous únicos concellos de toda Galicia elixidos para acoller este evento e un dos 22 concellos de toda España, posicionándose ao nivel de cidades moi importantes. «É un orgullo que Los 40 Summer Live confíe en Poio. Que nos escollan como unha das dúas únicas paradas en Galicia confirma que o noso municipio se consolida como un referente na organización de eventos de primeiro nivel, capaces de atraer público de toda a contorna e dinamizar a actividade económica e social», destacou.
O alcalde subliñou que «Poio está no seu mellor momento», cunha programación cultural e de lecer «atractiva, diversa e de calidade», pensada para todos os públicos e que contribúe a proxectar a imaxe do municipio. «Seguiremos apostando por iniciativas que convertan Poio nun destino de referencia e que ofrezan aos veciños e visitantes propostas únicas, como este concerto gratuíto de Los 40 Summer Live», concluíu.
Neste 2026, Los 40 Summer Live percorrerá 22 localidades de 13 comunidades autónomas, levando o mellor pop nacional a diferentes puntos de España con concertos totalmente gratuítos.
APARCAMENTOS DISUASORIOS
O Concello de Poio habilitará aparcamentos disuasorios en Combarro, Chancelas e na Seca, así como o Porto da Canteira en colaboración con Portos de Galicia. Ademais, reforzaranse as liñas de autobús público desde Pontevedra e Sanxenxo e O Grove.
O Concello recomenda facer uso destes aparcamentos e do transporte público para facilitar os desprazamentos e garantir a máxima fluidez durante o desenvolvemento do evento.
