Samieira celebra as Festas de San Antón, do 12 ao 14 de xuño, con música, festa infantil e actos litúrxicos

11/06/2026

O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, destaca que “estas festas son un exemplo do traballo desinteresado das comisións, que fan posible que tradicións tan arraigadas sigan vivas e continúen sendo un punto de encontro para a veciñanza”.

Samieira celebra esta fin de semana a Festa de San Antón, conta cunha ampla programación para todas as idades.

A festa comezará o venres cunha festa infantil con escuma e inchables a partir das 17.00 horas na praza Alfredo Romay Graña, seguido dun pasarrúas con Vides Novas.

O sábado, festividade de San Antón, Vides Novas e a Escola de Música Tradicional de Poio percorrerán as rúas con alboradas. A misa cantada pola Coral Virxe da Renda de Combarro comezará ás 12.00 horas. Pola tarde, ás 20.00 horas, haberá animación nas rúas cos Queimatasas, o Grupo Alegría de Bora e Os Centolos. Pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras Arena Musical e Impacto.

Xa o domingo, celebrarase a Festividade do Corpus con exposición de alfombras florais na Igrexa, onde ás 12.00 horas se celebrará unha misa cantada pola Coral de Poio. O tradicional Baile do Ramo de Samieira e a procesión coa Banda de Gaitas e Tambores porán fin á xornada.

O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, destacou que “estas festas son un exemplo do traballo desinteresado das comisións, que fan posible que tradicións tan arraigadas como San Antón sigan vivas e continúen sendo un punto de encontro para a veciñanza”. Neste senso, recordou que o Concello de Poio colabora de xeito directo con cada unha delas porque son parte imprescindible da identidade e tradicións de cada lugar do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio