A fantasía e a mitoloxía de Sara Ramos protagonizan “Mitoxénese” no Casal de Ferreirós

05/06/2026

O alcalde, Ángel Moldes, destacou que «é unha satisfacción contar en Poio con artistas do talento de Sara Ramos e poder ofrecer espazos para que compartan a súa obra coa veciñanza».

A ilustradora Sara Ramos inaugurou onte Mitoxénese, unha exposición que reúne obras inspiradas na mitoloxía, a literatura e o realismo máxico e que poderá visitarse durante todo o mes de xuño no Casal de Ferreirós. O alcalde, Ángel Moldes, que asistiu ao acto, destacou que «é unha satisfacción contar en Poio con artistas do talento de Sara Ramos e poder ofrecer espazos para que compartan a súa obra coa veciñanza».

Sara Ramos, artista residente en Poio, ten 22 anos e é graduada en Belas Artes. O seu traballo céntrase principalmente nas artes gráficas, especialmente na ilustración e no concept art, cunha marcada vocación multidisciplinar. Nas súas creacións combina obra gráfica con enxeñaría de papel, collage, escultura e medios dixitais, dando forma a un universo creativo propio e en constante evolución.

A través de Mitoxénese, Ramos presenta unha colección de pezas nas que a fantasía, o realismo máxico e a narración visual conviven arredor de temáticas como a mitoloxía e a literatura. Trátase dun percorrido polo seu traballo desde 2023 ata hoxe.

Ademais do interese polas referencias mitolóxicas e literarias, a artista aposta tamén pola creación dun imaxinario propio, desenvolvendo personaxes, mundos e relatos que enriquecen cada unha das súas pezas e converten a ilustración nun espazo de encontro entre arte e narración.

A exposición de Sara Ramos forma parte da programación cultural impulsada polo Goberno local arredor do San Xoán, dentro da aposta por facer protagonistas á veciñanza de Poio, poñendo en valor o talento local e achegando á veciñanza diferentes propostas culturais ao longo destas semanas festivas.

O horario de visita da exposición no Casal de Ferreirós será de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. Os sábados a sala de exposicións estará aberta entre as 10.30 e as 13.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio