O I Congreso de Atención Temperá de Poio xa ten cuberto o 65% das prazas dispoñibles

03/06/2026

A xornada “Medrando en Familia” celebrarase o vindeiro 20 de xuño no Pazo Besada e ofrecerá ferramentas prácticas para apoiar o desenvolvemento infantil.

O I Congreso de Atención Temperá do Concello de Poio, baixo o lema “Medrando en Familia”, está a espertar un notable interese entre a veciñanza da contorna, ata o punto de que xa se cubriron o 65% das prazas dispoñibles para participar nesta iniciativa.

A cita terá lugar o próximo sábado 20 de xuño, no Pazo Besada, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e está dirixida principalmente ás familias, ás que se lles ofrecerán ferramentas prácticas para acompañar e favorecer o desenvolvemento infantil desde unha perspectiva próxima, accesible e multidisciplinar.

Ao longo da mañá, profesionais de distintos ámbitos e familias usuarias do servizo compartirán coñecementos e experiencias arredor da atención temperá, abordando esta realidade desde os ámbitos sanitario, educativo, social e familiar.

A primeira intervención correrá a cargo de Sonia Limés González, psicóloga especializada en Atención Temperá e Neuropsicoloxía. Cunha ampla traxectoria profesional de máis dunha década acompañando a nenos, familias e profesionais, actualmente coordina o Servizo de Atención Temperá de Poio, compatibilizando esta labor coa formación de profesionais da primeira infancia e a súa participación na xunta directiva da Asociación Española de Primeira Infancia.

A continuación, participará Laura Arias García, especialista en Pediatría e Neuropediatría, que compaxina a consulta de neuroloxía pediátrica e enfermidades raras coa súa experiencia na Unidade de Coidados Intensivos Neonatais. A súa práctica profesional destaca por unha visión integral do neurodesenvolvemento e polo acompañamento ás familias nos primeiros anos de vida.

O ámbito social estará representado por Rosa Freire Fariña, traballadora social do Concello de Poio, quen achegará a súa experiencia na atención de proximidade, o acompañamento ás familias e o traballo comunitario, facendo especial fincapé na coordinación entre profesionais e no fortalecemento das redes de apoio da comunidade.

Tamén intervirá Ana Martín-Serrano Fontenla, creadora de La Monda, unha marca galega especializada en prendas adaptadas, complementos funcionais e ferramentas deseñadas para persoas neurodiverxentes. Nai dun neno autista, a súa iniciativa nace da experiencia persoal e da escoita activa das necesidades das familias, dos centros educativos e dos contextos terapéuticos, co obxectivo de contribuír á eliminación de barreiras e á mellora da autonomía e do benestar.

A última ponencia será impartida por Nerea Díaz Rodríguez, mestra de Educación Infantil e creadora do proxecto Irmanais. Especializada en pedagoxías activas, innovación educativa, pedagoxías verdes e disciplina positiva, presentará unha proposta que combina rigor pedagóxico, creatividade e respecto polos ritmos da infancia.

O congreso rematará cunha mesa redonda aberta á participación do público, na que as persoas asistentes poderán trasladar as súas dúbidas e preguntas ás relatoras.

As inscricións, que son gratuítas, continúan abertas e poden realizarse a través do formulario habilitado na páxina web e nas redes sociais do Concello de Poio. Ademais, co fin de facilitar a asistencia das familias, durante a celebración do congreso ofrecerase un servizo gratuíto de monitorado para o coidado dos menores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio