Contratarase un posto de dirección, un titor, un posto de administrativo e dous postos docentes durante os 9 meses que dura o proxecto.
O Concello de Poio abre o proceso de selección do equipo directivo do Obradoiro de Emprego “Verde e Sostible”, un programa que permitirá formar a 20 alumnos-traballadores durante un período de nove meses en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
A convocatoria inclúe a selección de funcionarios interinos para cubrir as prazas de dirección, titoría, administrativo e dous docentes durante os nove meses que dura o programa e en réxime de xornada completa, agás o posto de administrativo, que se desenvolverá a media xornada.
As persoas interesadas en optar a algún destes postos poden presentar as súas candidaturas a partir de mañá, xoves 28, a través da Sede Electrónica do Concello de Poio. Teñen un prazo de cinco días naturais. As bases reguladoras que rexen a contratación poden consultarse no taboleiro de anuncios do Concello de Poio.
FORMACIÓN E EMPREGO DURANTE 9 MESES EN ACTIVIDADES AUXILIARES DE CONSERVACIÓN E MELLORA DE MONTES
O obradoiro de emprego “Poio verde e sostible” é unha iniciativa que permitirá formar a 20 alumnos-traballadores durante un período de nove meses en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
Este programa dual de emprego e formación está dirixido a persoas desempregadas e combina aprendizaxe teórica e práctica en actuacións de utilidade pública. O obxectivo é mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral.
Ao longo do obradoiro, o alumnado adquirirá experiencia en tarefas vinculadas á conservación ambiental, a prevención de incendios e a recuperación de infraestruturas verdes. Ademais, levaranse a cabo actuacións para restaurar os xardíns do Pazo Besada.
Para participar como alumnado-traballador, as persoas interesadas deben cumprir os seguintes requisitos:ter 18 ou máis anos de idade e estar en situación de desemprego inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes nos códigos de ocupación 3040 obradoiros, AGAR0309 Actividades auxiliares en conservación de montes ou 9531028 peón forestal.
A iniciativa conta cun financiamento de 501.552 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, destinados a sufragar os custos de formación profesional para o emprego.