Durante a entrega dos premios do Concurso Literario Xaime Illa Couto, organizado en colaboración coa SCD Raxó, Ángel Moldes destacou o compromiso do Goberno local por desenvolver unha programación ampla e continuada ao longo do ano “para fomentar o uso, o interese e o orgullo pola nosa lingua, apoiando tamén o labor imprescindible das asociacións culturais locais que contribúen cada día a difundir e enxalzar a cultura galega”.
O Concello de Poio fixo entrega hoxe dos premios do Concurso Literario Xaime Illa Couto, con motivo da celebración das Letras Galegas. O acto celebrouse no Centro Cultural Xaime Illa, onde o alcalde, Ángel Moldes, asegurou que “propostas como estas son fundamentais para impulsar, potenciar e recoñecer a riqueza e a importancia da nosa lingua e da nosa cultura”.
Con todo, subliñou que “este compromiso non queda só nun día sinalado” e destacou a aposta do Concello por “desenvolver ao longo de todo o ano unha programación ampla e continuada para fomentar o uso, o interese e o orgullo pola nosa lingua, apoiando tamén o labor imprescindible das asociacións culturais locais, que contribúen cada día a difundir e enxalzar a cultura galega”.
No acto fíxose entrega dos premios do Concurso Literario Xaime Illa Couto, organizado en colaboración coa SCD Raxó, nunha xornada que contou tamén co relatorio de Marta Dacosta Alonso, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e autora de numerosas publicacións e estudos sobre a lingua galega en revistas e diarios.
Moldes destacou a “histórica participación” desta edición, que consolida un certame que “xa é un referente e que segue medrando grazas ao talento e á ilusión de persoas como vós”.
“Participar neste concurso non é algo menor. Hai que ter a capacidade de imaxinar, pero tamén a valentía de escribir, de crear e de compartilo cos demais. Por iso, quero felicitar sinceramente a todas e todos os participantes. Parabéns ás persoas premiadas, pero tamén a quen decidiu dar o paso de presentar os seus textos”, sinalou durante a súa intorvención.
Por último, destacou que “nun momento no que a rapidez, a inmediatez e o dixital nos envolven constantemente, é importante reivindicar tamén o valor da lectura e da escrita”.
O acto rematou coa interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.
PREMIADOS DO CONCURSO
O xurado encargado de analizar e valorar as obras presentadas premiou, na categoría A, de 6 a 8 anos, a Lucía Arias Vilas co seu poema “Os veciños” e a Pablo Calvo Rodríguez co seu relato curto “Unha aleteada de sorte”.
Na categoría B, de 9 a 11 anos, Eva Rodríguez Hand foi a gañadora coa poesía “Galicia ten de todo!”, mentres que Rubén Barral Villanueva gañou na modalidade de relato curto con “O arrepentimento”.
A poesía “No silenzo azul da tarde”, de Aitana Martínez Alonso, e o relato “ O poder da seimeira”, deIrene Rey Redondo, foron os premiados na categoría C, de 12 a 13 anos.
Samuel Cochón Alonso, de Combarro, foi o gañador da categoría D, de 14 a 15 anos, tanto en relato curto “ O canto das mouras” como en poesía “Onde quedamos nos?”. Un premio que consigue por segundo ano consecutivo.
De 16 a 17 anos, categoría E, os traballos distinguidos polo xurado foron “A terra dende a lúa”, poesía de María Ferreiro Pérez, e “A noite que non debía lembrar”, relato de Alba Pérez Casais.
E, por último, na categoría F, maiores de 18 anos, os premiados foron Emilio Pulido Fraiz, de Pontevedra, coa poesía “Canto pesa a vida nos teus ollos”, e Aránzazu Vaqueiro González, tamén de Pontevedra, co relato curto “Quérote”. Tanto o xurado como a organización do concurso salientaron a grande calidade das creacións literarias.