Fin de semana cultural con premios, relatorios, exposición e obradoiros para celebrar as Letras Galegas en Poio

13/05/2026

A programación está organizada coa colaboración da SCD Raxó e desenvólvese entre o sábado 16 e o domingo 17 no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó. O certame literario de relato curto e poesía contou cunha participación histórica, douscentos traballos chegados desde diferentes puntos da xeografía galega.

O Concello de Poio celebra as Letras Galegas, que este ano rende homenaxe a Begoña Caamaño, cunha programación cultural para todos os públicos. As actividades inclúen a entrega dos premios do concurso literario, relatorios, exposicións e obradoiros en galego durante toda a fin de semana no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó.

O alcalde, Ángel Moldes, xunto coa concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e Xaquín Agulla, como representante da SCD Raxó, presentaron esta mañá a programación, que arranca este sábado 16 cun mega obradoiro creativo de globoflexia e maxia en lingua galega, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. A actividade comezará ás 18.30 horas e a entrada será de balde ata completar aforo.

Con máis de 18 anos de traxectoria, 2 Minds Combined mestura maxia, humor e pedagoxía para crear experiencias lectoras próximas e orixinais.

Xa o domingo 17, a partir das 17.30 horas, a entrega dos premios do XXXIV Concurso Literario Xaime Illa Couto cobrará protagonismo nunha edición histórica, que acadou unha participación de récord con 200 traballos presentados desde diferentes puntos da xeografía galega, entre eles Poio, Pontevedra, Santiago de Compostela, Cangas, Ourense, Tomiño, Valga, A Coruña, Teo, Nigrán, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. A elevada participación, tanto do propio concello como doutros municipios galegos, consolida este certame literario edición tras edición.

Tras a entrega dos premios, o público poderá asistir ao relatorio de Marta Dacosta Alonso, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e autora de numerosas publicacións e estudos sobre a lingua galega en revistas e diarios. Entre as súas obras figuran títulos poéticos como Crear o mar en Compostela, premio O Grelo; Pel de Ameixa, premio Miguel González Garcés; e Setembro, premio Martín Códax.

O acto pecharase coa actuación da Escola de Música Tradicional de Poio, que interpretará o himno galego.

A maiores, durante todo o mes de maio poderase visitar no Xaime Illa a exposición De Circe a Morgana, elaborada polo IES Castelao de Vigo e que resultou premiada no Concurso das Letras Galegas 2026 organizado pola Secretaría Xeral da Lingua. Unha exposición que afonda na traxectoria vital e obra da escritora e xornalista Begoña Caamaño, dando visibilidade a unha escrita orixinal elaborada dende o feminismo, que ofrece outra perspectiva dos mitos clásicos e convida a abrir espazos de liberdade e reflexión colectiva.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio